Na mañá deste xoves 6 de marzo tiña lugar no Hospital Público Valdeorras un acto con motivo do 8M para “dar a coñecer aos escolares os diferentes papeis profesionais da muller na Sanidade e máis concretamente nos hospitais ourensáns”, ao que acudían uns 40 alumnos de 4º da ESO do IES Martaguisela do Barco. “Estaban convidados os tres institutos pero finalmente só podía asistir os do Martaguisela”, explica Maribel Campos, secretaria de Dirección do hospital do Barco e a encargada de presentar o acto.
No marco da celebración do Día Internacional da Muller (antes Día da Muller Traballadora) a Consellería de Sanidade poñía en marcha un programa piloto nos hospitais, xunto á Consellería de Educación chamado para xuntar a alumnos da ESO para darlles a coñecer “dende o perfil de muller o que supón traballar no ámbito sanitario”, dixo Maribel, dando aos asistentes algúns datos sobre a orixe do Día da Muller e o que supón para a sociedade actual. Tamén destacou que das persoas que traballan actualmente no HPV o 78% son mulleres “en todas as categorías”.
No caso do Barco, as ponentes eran catro traballadoras do hospital (dúas sanitarias e dúas de persoal non sanitario) que expoñían a súa propia experiencia laboral. A primeira era Paquita López Quiroga, pinche de cociña dende hai 35 anos (20 con praza) que aconsellou aos rapaces que estuden e busquen referentes para non deixarse humillar nin maltratar. “Tener un traballo é moi importante para unha muller aínda que haxa que loitar e pasar por moitas cousas dixo”.
Algo similar lles transmitía a doutora Marta Fernández Míguez (FEA Otorrinolaringoloxía), que se incorporaba un pouco máis tarde por ter consulta. Despois falaba Rocío Yebra, enfermeira cun cargo directivo como supervisora de Enfermaría da Planta Azul de Medicina Interna; e pechaba a charla Chari, María del Carmen Hernández Cob, auxiliar dministrativa e xefa do Grupo Admisión.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.