
E seguen chegando cancelacións… Nos primeiros meses do ano sucedíanse as citas gastronómicas que pouco a pouco fóronse cancelando. A Festa da Empanada de Costrelas na Rúa Vella, a Cea do Cocido de Piñeiro (P. de Trives), a Festa do Botelo no Barco, a do Codillo na Rúa,… E agota tócalle o turno á Callada do San Brais, na localidade ruesa de Vilela.
A Xunta Retora da Asociación de Veciños Vilela, vén de anunciar que suspende a celebración da festa, que este ano debería celebrarse o sábado 6 de febreiro (o San Brais é o mércores día 3), e que normalmente xuntaba a preto de duascentas persoas ao redor da mesa para desfrutar dun menú a base de entremeses variados, empanada, callos e torta de roxóns, ademais de viño, café e licores.
Ademais do festa gastronómica, tamén se suspenden os cultos na honra a San Brais. “Non haberá novena, nin procesión, nin misa”, aseguran dende a asociación veciñal.