Nesta fin de semana, en concreto na xornada do sábado 18 de novembro, a Asociación Huellas de Cabrera viaxaba ata a localidade asturiana de Moal para facer unha bonita ruta de senderismo no bosque de Moal, pertencente ao Parque Natural das Fontes do Narcea, Degaña e Ibias.
“Percorreremos este monte seguindo en circuíto o PR AS-132 (Ruta do Bosque de Moal), do que forma parte o Pico Montecín (1.011 m), espléndido miradoiro. Desviámonos temporalmente do circuíto no Colado de Moncó (980) para subir á Pena de Moncó (1.070), ao leste do bosque e ao norte da aldea homónima. O seu relevo cónico e estrutura alongada permite que sexa visible e recoñecida desde as serras próximas, chegando a ser atalaia singular para contemplar ao poñente o val de Muniellos e o do Narcea no oriente”, explican os camiñantes.
Tanto o bosque como a pena están situado no Parque Natural das Fontes do Narcea, Degaña e Ibias, enclave da nosa ruta. Foi declarado como tal en 2002 e trátase do máis grande de Asturias con 47.589 hectáreas. “Ocupa case por completo o suroeste do Principado, facendo fronteira con León e Lugo, á vez que pecha a Cordilleira Cantábrica no seu extremo occidental. Sitúase entre as concas do río Narcea ao leste e do Ibias ao poñente”, indican dende co lub.
Este espazo natural posúe unha gran diversidade de paisaxes debido á súa extensión, destacando o seu alto relevo montañoso escarpado con ríos que forman profundos vales. “As xoias da súa foresta son so bosques de faias no Monte de Hermo e os reboleiros de Muniellos –Reserva da Biosfera-, ambos en excelente estado de conservación. Entre as especies que compoñen a fauna da zona, o oso pardo eríxese como protagonista principal xunto ao lobo, o rebeco, o corzo e o xabaril”, resaltan os andaríns.
Fotos: loispradaf.