ConcellosÚltima horaVilamartín

A avaría dun depósito provoca un escape de gas en Valdegodos (Vilamartín) e mobiliza aos equipos de emerxencia

 

A rotura dunha válvula dun depósito de gas subterráneo provocou unha fuga nas vivendas sociais situadas no lugar de Valdegodos (Vilamartín de Valdeorras), segundo informa o 112 Galicia, que indica que “os veciños saíron das súas casas polos seus propios medios mentres duraron as tarefas para restablecer as condicións de seguridade na contorna. Cómpre indicar que nas proximidades da urbanización había unha residencia de anciáns e estes foron instruídos, polos equipos de intervención, a permanecer no seu interior coas ventás pechadas. Afortunadamente, non houbo danos persoais”.

O suceso producíase ao fío das 03:30 horas desta madrugada, unha persoa particular informaba ao 112 dun escape de gas nun depósito subterráneo dunha urbanización de catro bloques. “Nada máis recibir o aviso, desprazáronse ata o lugar os Bombeiros e os membros do GES de Valdeorras, os axentes da Garda Civil e tamén o persoal da empresa subministradora do gas que abastece a zona. Por precaución, pasouse aviso igualmente ao equipo de urxencias sanitarias”, segundo o 112 Galicia.

Unha vez no punto e ao confirmarse a existencia de fuga, os servizos de emerxencia procederon a cortar o subministro e realizar as correspondentes medicións. Ao comprobar que os resultados eran negativos, deron por finalizada a súa intervención.

Artigos relacionados

Back to top button