CulturaCulturaEntroido 2021Última horaVídeos

A Baixada da Morena de Laza, en tempos de pandemia

Neste Luns Borralleiro (15 de febreiro de 2021), as máscaras tradicionais do Entroido nesta vila ourensá saíron de xeito simbólico

 

A praza da Picota e Cimadevila son os dous puntos nos que se concentran a maioría dos actos vencellados ao Entroido en Laza e é no segundo, onde cada Luns Borralleiro unha multitude curiosa e ansiosa agarda dende primeira hora da tarde a baixada da Morena.

Nun ano normal, os primeiros en saír son os cobelleiros. Xunto a eles, veciños con sacos de formigas e outros con grandes toxos. De súpeto, a Morena, máscara con face de madeira e cornos, fai a súa aparición, arremetendo contra todo aquel co que se atopa. Desátase entón a forza e ritualidade da festa, nun intenso percorrido ata a praza da Picota, marcado por unha chuvia de formigas e polos toques dos toxos.

 

Un dos Peliqueiros que acompañaron á Morena este ano.

 

Cobra así vida unha tradición que conservan con sumo coidado os veciños desta localidade ourensá, incluído este ano, nun Entroido marcado pola pandemia de coronavirus que obrigaba a cancelar todos os actos multitudinarios. Por iso este Luns Borralleiro (15 de febreiro) a xente non encheu o traxecto entre Cimadevila e a Picota por onde, en torno ás seis e media da tarde, baixou a Morena acompañada por apenas un par de Peliqueiros e cobelleiros. Non houbo rebumbio nin público, quitando algún veciño, alagún fotiógrafo e moitos axentes das forzas de seguridade (especialmente da Garda Civil e da Policía Autonómica) que velaban polo cumprimento das medidas.

Nun ano atípico e esperemos que único, a Morena baixou de xeito simbólico, lembrando que o Entroido de Laza “o deiquí” vive.

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button