OurenseÚltima hora

A Banda da Loba, Leilía e Bambina actuarán na Romaría Feminista que se celebrará mañá en Barbadás

Mesas de debate, postos na rúa, espazo infantil, food trucks e espazos para comer compoñen o programa desta II edición da festa

A Banda da Loba. /Foto: Ángeles Rodríguez.

 

Mañá, sábado 5 de outubro o pavillón da Valenzá e o parque dos Carrís, ao carón do río dos Muíño, acollerán a II edición da Romaría Feninista de Barbadás, con actuacións musicais e mesas de debate que baixo o lema “Xuntas camiñamos” abordarán as diferentes formas de violencia contra as mulleres, “tratando específicamente a violencia sexual e a cultura da violación, as políticas públicas nesta Cuarta Ola e tamén sobre o activismo feminista nas redes sociais”, en palabras da concelleira de Igualdade de Barbadás.

“Achegar o feminismo a todas as mulleres, creando espazos nos que estean representadas por diferentes mulleres do eido político, económico, cultural e/ou social” é segundo Elisabet González Nistal, concelleira de Igualdade de Barbadás, o principal obxectivo da segunda edición da Romaría Feminista de Barbadás, que pretende nesta segunda edición tanto nas mesas de debate coma nas actividades e nas actuacións musicais “centrarse na sororidade coma ferramenta feminista”, apunta González Nistal.

Como prólogo hoxe terá lugar a inauguración coa apertura de postos de comida na rúa e a actuación a partir das 21h. de Carolina Rubirosa Band e Paula Do Campo. Con todo, a feira propiamente dita arrancará mañá 5 de outubro coa actuación do grupo de pandereteiras de Piñor Euquechesei ás 10:50h. e a continuación a primeira mesa de debate baixo o título “Movemento feminista nas políticas públicas”. Nesta mesa intervirán Pilar Cancela, presidenta da Comisión de Seguemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, María del Consuelo Vispo, deputada e portavoz do PP en Barbadás, Zaida Rodríguez, Secretaria provincial de Igualdade do PSdeG, Cristina Cid, alcaldesa de Allariz e moderadora e Noa Presas.

 

Presentación da II Romaría Feminista de Barbadás.

 

Para as 12:30h. está previsto un recital de poesía protagonizado por Irma Ruth del Ángel, do Círculo Poético de Ourense e ás 13 horas comezará a segunda mesa de debate titulada “A muller no deporte” coa participación de Marta Bobo (primeira olímpica española e galega de ximnasia rítmica), Lorena Novas (árbitra de primeira división feminina de España), Carmen Cid “Witch” (atleta do Clube Box 001 Rumaniak), Mercé Barrientos (presidenta da Asociación de Mulleres Deportistas Galegas, MUDEGA) e Silvia Vieito (moderadora, de Xornalistas Galegas).

Pola tarde a partir das cinco está prevista a mesa centrada en torno ao “Activismo feminista nas redes” coa presenza de Towanda Rebels (iutubers feministas), Feminista Ilustrada (ilustradora e educadora visual feminista), Daniela Fernández (AMIZANDO, Asociación LGTBI Galega) e Laura Seara (moderadora e Ex_Secretaria de Estado de Igualdade. Avogada e consultora de xénero). Ás 19 horas actuará a charanga O son da Lila, e  as actuacións musicais comezarán ás 21 horas coa presenza no escenario de A banda da Loba, Leilía e Bambina.

 O alcalde de Barbadás, o socialista Xosé Carlos Valcárcel, asegurou que é fundamental “seguir con esta liña de traballo dende o Concello para promocionar e visibilizar os dereitos das mulleres, tendo en conta que estamos nun momento no que existe unha ideoloxía que pretende desprezar e minusvalorar a problemática da muller. Por esa razón é máis importante darlle relevancia a este evento”.

 

Artigos relacionados

Back to top button