OurenseÚltima hora

A banda ourensá TanDub, segunda no Premio Narf de música

 

O trío pontevedrés Peña foi a banda gañadora da final do Concurso Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña e que tivo lugar onte domingo no Teatro Colón da Coruña nun espectáculo que foi retransmitido en directo a través do canal de Youtube da citada institución. Nel participaron as cinco bandas finalistas: Peña, Tandub, Sleepy Spice, Elba e Secho, ademais de Grande Amore, o grupo convidado, nun acto que foi conducido pola xornalista Neves Rodríguez.

Os segundos clasificados eran os ourensáns TanDub, que conforman unha fusión da música tradicional Gnawa (norte de Marrocos, Tánxer) con outros xéneros como o reggae, o drum&bass e a electrónica, cun potente directo. Acadan un son vibrante, intenso e sólido empregando instrumentos clásicos nas bandas de fusión (guitarra, baixo ou percusión) coas novas tecnoloxías (electrónica), co hajhouh e as karkabas (instrumento tradicional marroquino). Os seus compoñentes proceden de bandas como Lamatumbá, Dar Gnawa, Tabú ou Kondiós. A terceira clasificada neste premio foi a compostelá Elba e os cuartos Secho.

 

 

Premios

En metálico os premios son de 3.000 euros para a primeira banda clasificada, 2.000 para a segunda, 1.500 para a terceira e 1.000 para a cuarta e quinta. O Concurso Fran Pérez “Narf” de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez “Narf”. Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mileth, Su Garrido, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

O xurado que elixiu os gañadores está formado por Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, como presidente; ademais da cantora Uxía, os xornalistas Carlos Crespo, María Yáñez e Teresa Cuíñas, e o crítico musical Pepe Cunha. A banda gañadora será elixida durante unha gala final que terá lugar no Teatro Colón da Coruña o sábado 21 de novembro e que se emitirá tamén a través de ‘streaming’.

Fotos: Cris Andina.

Artigos relacionados

Back to top button