CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

A barquense Lola Doporto leva ao lenzo os personaxes do Pórtico da Gloria

Vén de inaugurar con éxito na Casa de Galicia en Madrid a exposición "Morriña de estrelas"

 

Unha visita inesperada a Ourense descubríalle o Pórtico do Paraíso na súa catedral. Así entraba en contacto a pintora Lola Doporto (Millarouso, O Barco) coa obra do mestre Mateo. “A luz entraba polo rosetón e iluminouno. Vin a fantástica restauración e unhas figuras e personaxes coloridos e lonxe do que eu pesnaba que era a Idade Media, unha época triste e escura. Ese foi o punto de partida do meu interese polo Románico. A partir de aí viñeron visitas á catedral de Santiago para ver o marabilloso pórtico da Gloria”, contaba esta creadora no acto inaugural da súa nova exposición “Morriña de Estrelas”, que poderá verse ata o vindeiro 30 de novembro na Casa de Galicia en Madrid. É a primeira desta artista na capital de España.

“O mestre Mateo sacoume do meu erro sobre a Idade Media, fixeime neses cores e na vitalidade das súas figuras, pero tamén me chamaron moitísimo a atención os músico. Púxolle cor e alegría a ese pórtico. Así que tiña que pintalo”, engadía. Froito dese afán e dun traballo de máis de dous anos xorde esta mostra de 14 óleos, nos que se aprecia claramente a evolución de estilo e técnica de Doporto. Son obras de gran formato moi coloristas, con uso da espátula e relevos, nas que introduce ademais outros elementos como o pan de ouro.

 

 

A apertura da mostra contaba coa presenza do secretario xeral de Emigración, o tamén ourensán Antonio Rodríguez Miranda. Ambos eran recibidos nesta inaguración polo director de Casa de Galicia, Juan Carlos Serrano, que abría o acto. Deseguido tomaba a palabra Rodríguez Miranda, quen comezaba dicindo que “nada máis entrar nesta sala, un dase conta perfectamente da dimensión desta artista”. Cometaba tamén o acerto do título da mostra, que “unir morriña e estrelas resulta algo realmente evocador”.

O secretario xeral de Emigración confesaba que se sente atraído polo “realismo na pintura. E o que máis me gusta desta pintura é que che dá rasgos, indícache un camiño, pero non se perfila completamente. E iso obríganos a entrar a cada un de nós a acabar de definir coa nosa imaxinación que é o que queremos ver. Seguramente cando nos vaiamos de aquí todo teremos visto algo diferente. Esa é a maxia da artista”.

 

 

Emocionada, Lola Doporto agradecía estas palabras aseguraba que escoitándoas “pola miña mente pasan imaxes de momentos de esforzo e de traballo, de dificultade. Grazas a todos por acompañarme neste día tan importante para a miña traxectoria profesional. E grazas á Casa de Galicia por abrirme as súas portas. Tamen quero expresar ao meu agradecemento a todas as persoas que me teñen acompañado no camiño ata chegar aquí e espero e desexo que o sigan facendo”.

 

 

E finalizaba asegurando que “aquí estou coa miña “Morriña de Estrelas”, agradecida, emocionada. E gustaríame que desfrutarades dos meus personaxes e cores”. Nesta motra a autora tamén fai unha chiscadela aos músicos tradicionais, incluíndo a pintura dun gaiteiro, o de Penalta.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button