Galerías de fotosOurenseÚltima hora

A beleza de “Os nosos océanos”, na praza de Eugenio Montes, en Ourense

Nesta exposición, que poderá verse ata o 19 de setembro, colaboran con Afundación e ABANCA, o Concello de Ourense e a Editorial Planeta e conta co comisariado do divulgador medioambiental Joaquín Araújo

 

Dende hoxe, e ata o vindeiro 19 de setembro a praza de Eugenio Montes de Ourense, acolle a exposición “Os nosos océanos”, desenvolvida por Afundación e ABANCA en colaboración co Concello de Ourense e a Editorial Planeta, baixo o comisariado de Joaquín Araújo, experto en medio ambiente e reputado ecoloxista.

“Os nosos océanos” enche a praza ourensá coas imaxes máis espectaculares da biodiversidade mariña: baleas yubartas, osos polares, peces bolboreta, a quenlla peregrina ou unha colectividade de golfiños, poboan, entre outras moitas especies, as imaxes cheas de cor e vida da mostra. Porque todo o que coñecemos como vida non só procede dos océanos, senón que segue dependendo deles. Nos mares escóndense inxentes sorpresas que alimentarán durante séculos a curiosidade dos científicos e a admiración de todos os demais. O que con esta exposición preténdese é espertar o recoñecemento de que os océanos son berce de vida, manancial de todos os mananciais, reguladores de todos os elementos básicos do clima, depuradora natural das contaminacións e fornecedores de alimento e incontables materias primas.

 

Asistentes á inauguración da exposición en Ourense.

 

A inauguración da mostra contou coa asistencia do tenente de alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o director de Zona de ABANCA, Diego Daniel Fernández; e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela.

En palabras de Joaquín Araújo, comisario da exposición e prestixioso divulgador ambiental, dobre Premio Nacional de Medio Ambiente, “a máis elemental prudencia, o máis sensato sentido da anticipación poden e deben levarnos á coherencia de mellorar todas as nosas formas de utilización e aproveitamento dos océanos. De alí seguirán manando infinitas posibilidades se non continúan a sobreexplotación, os transportes perigosos e as contaminacións básicas. Queremos conservar o futuro, queremos salvar ao que nos salva. Algo só posible con novas xeracións de seres vivos que renuncien á explotación desmedida, que aprendan a convivir”.

Artigos relacionados

Back to top button