EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

A campaña barquense “Na procura de Antón Fraguas” complétase coa entrega de premios

Esta iniciativa, que vencella comercio e promoción do galego, desenvolvíase no mes de maio no marco das Letras Galegas promovida dende o CCA e os equipos de Dinamización Lingüística dos centros de ensino do Barco

O salón de actos do edificio multitusos do Barco era escenario na tarde do 20 de xuño da entrega de premios da campaña “Na procura de Antón Fraguas”, que se desenvolvía no mes de maio con motivo da celebración das Letras Galegas. Un ano máis, nesta iniciativa unían forzas o sector comercial da man do Barco Centro Comercial Aberto (CCA) e os equipos de Dinamización da Lingua Galega dos CEIPs Condesa de Fenosa, Julio Gurriarán e Otero Pedrayo, Colexio Divina Pastora, IES Lauro Olmo e IES Martaguisela.

“Esta campaña tivo como finalidade promover o coñecemento do galego e dar a coñecer e promocionar os establecementos asociados ao CCA”, lembraba a presidenta desta entidade, Sandra Moldes, acompañada no acto pola vicepresidenta, Ángeles Rodríguez. Un total de 36 comercios participaban na campaña colocando nos seus escaparates entre o 16 e o 31 de maio “as camisetas pintadas polos nenos con prendas do traxe tradicional galego”. O CCA entregaba un premio por centro participante, que consistía nun vale de compra de 25 euros para cambiar por material escolar.

Sorteo entre os participantes na xincana

A campaña tamén incluía unha xincana na que se percorrían cada un dos 36 establecementos participantes cun folleto na man, vendo e escribindo se as prendas debuxadas nas camisetas dos escaparates eran ou non tradicionais. Este folleto tiña ademais que ser selado polo negocio. E, unha vez completado o percorrido, depositábase nunha urna na oficina do CCA. Entre todos aqueles que as depositaron facíase un sorteo, onde a ganadora era Andrea Velasco.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button