En portadaÚltima hora

A campaña en favor dos afectados polo incendio de xullo en Valdeorras recada 7.407,15 euros

A iniciativa estaba promovida polo Grupo de Espeleoloxía e Montañismo Águilas Verdes (en colaboración coa Asociación de Veciños O Regueiral de Rubiá) e á que sumaban O Barco Centro Comercial Aberto (CCA) e a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA)

Cartel da campaña nun dos establecementos asociados a AEVA./ Foto: A.R.

 

A campaña solidaria de apoio aos afectados polo incendio forestal de xullo en Valdeorras, impulsada polo Grupo de Espeleoloxía e Montañismo Águilas Verdes (en colaboración coa Asociación de Veciños O Regueiral de Rubiá) e á que sumaban O Barco Centro Comercial Aberto (CCA) e a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) lograba reunir entre o 3 e o 31 de agosto un total de 6.367 euros.

Dende as entidades promotoras da iniciativa fasei unha valoración positiva da resposta cidadá a esta iniciativa solidaria. As doazóns realizáronse a través de transferencia bancaria a unha conta creada polas asociacións para dita finalidade.

Pola súa banda, a empresa Vegalsa levou a cabo a súa propia recadación de fondos nos supermercados Eroski e Familia de O Barco e A Rúa. Coas compras e pagos con tarxeta de crédito, os clientes tiveron a posibilidade de doar unha cantidade aos afectados. As doazóns acadaron os 1.040,15 euros.

A cantidade total de 7.407,15 euros será doada integramente ás oito familias que perderon a súa primeira vivenda nos incendios de xullo que afectaron aos municipios do Barco, Carballeda e Rubiá.

Os fondos recadados se repartirán, a partes iguais, entre os damnificados mediante vales de compra de dez e de vinte euros que se deberán gastar nos establecementos asociados de AEVA e do CCA O Barco co obxectivo de facilitarlles a compra de produtos de primeira
necesidade.

Artigos relacionados

Back to top button