A RúaConcellosEn portadaÚltima hora

A “Caravana morada contra a violencia de xénero” estará na praza do Concello da Rúa este luns 22 de novembro

O xoves 25 ás 12h. será a tradicional concentración con lectura de manifesto

Concentración contra a violencia de xénero na Rúa. /Foto cedida.

 

Con motivo do 25N o Concello da Rúa elaborou un completo programa de actividades que se desenvolverán na vindeira semana.

A primeira será xa para o luns 22 de novembro. De 10 a 14 e de 16 a 20 horas, estará na praza do Concello a “Caravana morada contra a violencia de xénero” para desenvolver unha campaña de sensibilización con entrega de material entre o que se atoparán pulseiras, pegatinas e flyers cunha relación dos recursos máis próximos. Para darlle visibilidade, dende o Concello repartirán vinilos identificativos da campaña en todos os establecementos comerciais e hostalaría da vila.

Con todo, o dia centrar será o xoves 25 de novembro. Durante a mañá levarase a cabo a actividade denominada “A violencia de xénero é…” con paneis na praza do Concello nos que os veciños poderán expresar que consideran eles que conforma a violencia de xénero cunha posterior reflexión ao respecto. Estes paneis contarán tamén cun apartado no que estará exposto un traballo de cómic que elaboraron os usuarios do Centro de Día da Rúa en conmemoración con este día.

 

 

Ás 12h. será a tradicional concentración con lectura de manifesto e xa pola tarde, ás 19 horas, a Biblioteca Municipal acollerá o contacontos A Cabaleira: teatro para a igualdade, de Medievándalos, para fomento da igualdade entre os cativos, explorando os estereotipos a través do teatro e a música.

O programa continuará cunha actividade prevista para os sábados 27 de novembro e 4 de decembro. No marco de colaboración entre a Secretaría Xeral de Igualdade e a FEGAMP, o Concello da Rúa foi un dos seleccionados para desenvolver un curso de defensa persoal e autocapacidades como prevención de situacións de violencia de xénero. Será impartido na Casa da Cultura, de 10 a 14 horas ambos sábados, por un monitor especialista integrante da Federación Galega de Loita.

Este curso está pensado para mulleres maiores de 18 anos de idade, coa posibilidade de permitir a inscrición de rapazas de 15 a 17 anos sempre con previa autorización dos pais/nais/titores. Aínda que é unha actividade gratuíta as prazas son limitadas, polo que é necesaria a inscrición no Concello, en servizos.sociais@arua.gal ou chamando ao 988310116 / 643958844

Artigos relacionados

Back to top button