ConcellosÚltima hora

A carreira popular e a música, limiar da XXXVIII Feira do Viño de Quiroga que terá lugar do 11 ao 12 de abril

Por primeira vez esta mostra abrirase á participación de adegueiros industriais da subzona Quiroga-Bibei

Participantes na pasada edición da Feira do Viño de Quiroga./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A música será novamente o limiar dun dos eventos de referencia da XXXVIII Feira do Viño, que terá lugar o 11 e o 12 de abril nesta vila lucense. Trátase da décimo primeira edición do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, que baixo a dirección de Xosé Luis Foxo, contará coa participación de 20 bandas e máis de 500 gaiteiros.

Así o acordaba a comisión organizadora da feira que mantivo unha nova xuntanza para seguir traballando nesta cita de exaltación do viño, e na que tamén se incorporou por primeira vez a Confraría do Viño de Quiroga por medio do seu presidente.

Ademais dos adegueiros artesanais, como foi ata o de agora, tamén se abrirá a mostra aos adegueiros industriais da subzona Quiroga-Bibei, na que está englobada Quiroga. “Agora estase á espera de saber o número de colleiteiros interesados en participar nesta edición”, segundo informan dende a comisión organizadora.

Na súa última reunión fixábase a data do 28 de marzo como o día no que os membros da Confraría do Viño de Quiroga realizarán a cata dos viños participantes. Uns días antes entregaranse as mostras para o seu envío a un laboratorio onde serán analizados.

Outra das novidades desta feira será que aparecerán uns cataviños ao igual que xa se fai nas feiras dos demais concellos da denominación de orixe, que servirán para todas as casetas, polo que os adegueiros xa non poñerán as súas copas para servir o viño. Para facilitar a súa limpeza colocaranse na rúa billas para poder lavalos cando se precise.

Na xuntanza tamén se apuntou ás actividades que preceden a Feira do Viño, como a semana do Quiroga de Tapas, do 2 ao 10 de abril, ou a Carreira Popular que se desenvolverá o Venres Santo.

 

Artigos relacionados

Back to top button