EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaVídeosViticultura

A Cata Oficial da XXIII Feira do Viño de Valdeorras xa ten ganadores

A adega ruesa Joaquín Rebolledo resultaba a máis galardoada con ata tres premios noutras tantas categorías

 

No marco dunha gala que se iniciaba a partir das 21h. deste venres 8 de xullo dábanse a coñecer no Complexo Hostaleiro Paladium (Vilamartín) os nomes dos viños distinguidos na XXIII Cata Oficial da Feira do Viño de Valdeorras, que se celebraba esta mesma mañá. No concurso participaban un total de 42 mostras (22 de brancos e 20 de tintos) de 20 adegas participantes no certame. Deles resultaban galardoados os seguintes viños.

Brancos 2021

1º premio: Guitián Godello Lías de Adega A Tapada
2º premio: Joaquín Rebolledo Godello da Bodega Joaquín Rebolledo
3º premio: Lagar do Cigur Godello de Adega Melillas e Fillos

Tintos 2021

1º premio: Lagar do Cigur Mencía de Adega Melillas e Fillos
2º premio: Viñaredo Mencía de Bodega Santa Marta
3º premio: Joaquín Rebolledo Mencía de Bodega Joaquín Rebolledo

Mención viños doutras anadas:

1º mención: Joaquín Rebolledo Tinto Barrica
2º mención: Escada Garnacha de Adega Alán

 

 

O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José García Pando, daba a benvida aos asistentes a esta gala que contaba coa presenza, entre outras autoridades, do conselleiro do Medio Rural, José González, ademais de alcaldes e concelleiros valdeorreses, dos deputados galegos María G. Albert e Eduardo Ojea, e do senador Miguel Bautista. Ademais García Pando sinalaba que todas as adegas con referencias no certame deben considerarse gañadoras. “Sacar adiante unha añada debe ser visto xa como un éxito, un éxito que é -como todo o que ten que ver co ciclo da vide- na súa meirande parte colectivo”.

 

 

O conselleiro do Medio Rural reivindicaba na súa intervención o rol que teñen estes produtos distinguidos con denominación de orixe na economía local e autonómica, así coma o seu gran valor cultural e turístico.

Neste senso, o titular de Medio Rural destacou a consolidación dos viños da DO Valdeorras no mercado nacional e internacional grazas á súa calidade. E, para seguir promocionando e potenciando as particularidades destes produtos, José González fixo fincapé na “Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia”, que está a impulsar a Xunta.

 

 

Desta forma, sinalou González, “a potenciación das producións agroalimentarias e nomeadamente as acollidas aos diferentes indicativos de calidade como son os viños de Valdeorras, axudan a crear unha imaxe positiva de Galicia que repercute de xeito favorable en toda a economía do medio rural galego e, por extensión, do conxunto da comunidade autónoma”.

 

 

Precisamente, engadía, “para seguir consolidando os produtos de calidade, a Xunta acaba de poñer en marcha o mercado dixital dos produtos galegos de calidade, un portal que garante as mellores prácticas e fomenta un consumo de proximidade e de calidade, matizou o conselleiro”.

 

 

Feira do Viño de Valdeorras, o 9 e 10 de xullo na praza de Viloira (O Barco)

Esta cata e a entrega de premios vén de ser xa a antesala da XXIII Feira do Viño de Valdeorras que se desenvolverá nesta fin de semana de 9 e 10 de xullo na praza Otero Pedrayo de Viloira (O Barco), coa participación dunhas 20 adegas da D.O. Valdeorras e cun amplo e variado programa de actividades complementarias.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button