En portadaÚltima horaVídeos

A Cea do Cocido reúne en Piñeiro (A Pobra de Trives) a máis de 400 persoas

 

A XXVII edición, celebrada na noite do venres 27 de xaneiro, será recordada como unha das máis numerosas. A Cea do Cocido de Piñeiro que abre cada ano as Festas de San Sebastián nesta localidade do concello da Pobra de Trives nunca defrauda e tras dous anos sen celebrarse a deste 2023 aínda menos, reunindo baixo a carpa a unhas 450 persoas (430 comensais e uns 20 na organización).

 

 

Entre os asistentes, coma sempre moita mocidade pero tamén xente de diferentes idades, da contorna e doutros puntos algo máis afastados como A Rúa ou O Barco de Valdeorras, e un bo número de colaboradores que á hora de servir ofreceron prestos a súa axuda. O menú tampouco defraudou: un exquisito prato con carne de porco (orella, morro, androlla, chourizo e lacón) con patacas e repolo; de postre bica; viño, café e licores.

 

 

O apartado musical da velada correu nesta ocasión a cargo das Macizas Centrais de Trives. Sempre ou case sempre acuden á cita para cear, pero este ano foron as encargadas de amenizar a xuntanza antes, durante e despois, cos seus rítmicos e animados sons. Xa de madrugada o relevo collíao a orquestra Marbella, pero antes, xusto no momento en que a xente degustaba a bica, o café e os licores, Justo procedía á subasta dos produtos donados por diferentes colaboradores. Tamén se sortearon os 500 euros coas rifas vendidas polos nenos durante o café.

 

 

E xa despois da opulenta cea elaborada in situ polos veciños, chegaba o baile a cargo da orquestra Marbella que animaba a sesión verbena ata darlle o relevo aos Dj’s Sedinho e Álex Prieto que continuaba a festa ata altas horas da madrugada.

 

 

O acto central foi onte pola noite, pero a celebración do San Sebastián continuaba na fin de semana con cultos e música. O broche musical á xornada do sábado poñíao a orquestra La Fórmula e o Dj You.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeo: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button