Cunha dobre conferencia abríanse esta tarde os actos para celebrar o Día das Letras Galegas no Barco. A partir das 20h. comezaba no salón de actos do Multiusos o coloquio “Os homes das Letras, Francisco Fernández del Riego e Florencio Delgado Gurriarán”, da man de Ramón Nicolás e Ricardo Gurriarán. Ambos eran presentados pola concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta.
A intervención de Nicolás centrábase en “Del Riego: unha vida ao servizo de Galicia”, mentres que a de Gurriarán levaba por título “Florencio, don Paco e Galaxia. A distancia non foi esquecemento”.
Mañá a protagonista será a música. Así ás 20h. poderá asistirse ao “Concerto das Letras Galegas”, a cargo do alumnado do Conservatorio e da Escola de Música do Barco, que actuará no Teatro Lauro Olmo.
Fotos: A.R.