
Na mañá deste xoves 6 de maio, o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Jose Antonio Quiroga, reuníase mantivo co vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e cos alcaldes do Bolo e da Rúa, Manuel Corzo e Álvaro Fernández, respectivamente.
No transcurso da reunión concretáronse os extremos da colaboración que exercerá o organismo de conca no proxecto de reconstrución da ponte sobre o río Xares en Barxa (concello de O Bolo), que supón un problema de mobilidade que afecta aos veciños de varios municipios. A CHMS, tal e como xa manifestara por escrito o pasado 25 de febreiro, declinou formar parte da comisión creada para tal fin, “por estar fóra da súa competencia e ser responsabilidade municipal e/ou doutras administracións”, asegura, aínda que, manifestou de novo a “disposición en colaborar en calquera cuestión legal ou administrativa co obxectivo de axilizar os trámites para o inicio da execución das actuacións”.

No encontro, tamén se acordou a “necesidade de pescudar o grao de responsabilidade, se o houbese, das concesionarias que xestionan as presas situadas augas arriba da ponte”. Neste sentido, a CHMS “informará acerca de se se cumpriron as normas de explotación das presas e facilitará, ademais, os datos que consten no Centro de Control de Conca ( CECU) do Organismo recolleitos polo Sistema Automático de Información Hidrolóxica (SAIH) nas datas nas que se produciron danos polo intenso caudal do río Xares, que provocou inundacións e avenidas”, aseguran dende o organismo de conca.