ConcellosO BoloÚltima hora

A CHMS investirá máis de 660.000 euros na reparación da ponte sobre o río Xares en Barxa, O Bolo

O investimento do proxecto será sufragado nun 80% pola CHMS e o 20% restante polo municipio.

 

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), e Alberto  Vázquez , alcalde do Bolo, asinaban o 4 de setembro un convenio de colaboración, para o financiamento, posta ao dispor dos terreos, execución e entrega das actuacións reconstrución da ponte da Barxa sobre o río Xares no municipio ourensán do Bolo.

O deterioro sufrido nunha das pilas da ponte sobre o río Xares, entre as localidades da Barxa e O Seixo, deixou interrompido o tráfico rodado polo mesmo debido ao perigo da actual situación. Para restablecer a comunicación entre ambos os núcleos é necesario proceder á reconstrución da ponte sobre o río Xares de modo que cumpra coas condicións do Plan Hidrolóxico Miño-Sil, segundo se explica dende a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Proxecto

As obras consistirán na demolición completa da actual obra de paso para substituíla por nova estrutura que se compón dunha nova ponte pórtico de 17,50 metros de luz libre, e 6,50 metros de ancho dividido en 5,50 metros para zona calzada e 0,50 metros en cada un dos dous laterais para dispoñer os sistemas de protección.

O investimento estimado superará os 660.000 euros que serán sufragados nun 80% pola CHMS e o 20% restante polo municipio. A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, O.A., licitará, adxudicará e xestionará os contratos da obra, servizos e calquera outros necesarios para a execución do presente convenio, ata a terminación definitiva das obras.

“Xa en 2020 a Deputación publicitou a creación dunha comisión representativa entre as distintas administracións (Xunta de Galicia, Deputación Provincial, Concello do Bolo e CHMS), con representación dos partidos políticos representados na Deputación, para buscar solucións que posibiliten a reconstrución da ponte sobre o río Xares, pero sen avance algún 4 anos despois”, apuntaba o presidente da confederación.

 

 

“Aínda que a titularidade e responsabilidade non sexa deste organismo de conca, cremos que é fundamental prestar auxilio ao Concello ante a indiferenza de Xunta e Deputación de Ourense”, explicou o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga.

“Agradecemos a colaboración da Confederación Hidrográfica para o arranxo da Ponte de Barxa, que mellorará a comunicación dos veciños separados do pobo polo río Xares; e dos escolares que acoden cada día ao IES da Rúa, procedentes os núcleos de Celavente e San Martiño que ven obrigados a dar un rodeo importante, entre outros afectados”, subliñou o alcalde do Bolo.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button