ConcellosO BarcoÚltima hora

“A Cidade da Selva (montes de Casaio) é o xacemento de Europa occidental con maiores achados da guerrilla”

Así o destacaba Miguel Riaño, director do documental "Ciudad de la Selva", na presentación deste documental que se estreará o vindeiro 17 de setembro no Barco

 

Os restos arqueolóxicos, a documentación historiográfica e as testemuñas orais. Son os tres piares no que se apoia o documental “Ciudad de la Selva”, que conta a historia dos campamentos da guerrilla antifranquista nos montes de Casaio (Carballeda de Valdeorras) nos que estima que viviron de forma estable unhas 60 persoas entre 1941 e 1946. Constitúe “o xacemento de Europa occidental con maiores achados da guerrilla”, tal e como destacaba na presentación deste filme o seu director, Miguel Riaño, esta mañá no Concello do Barco, entidade que colabora nesta pelicula da produtora Metropolis coop.

Ao longo de case 70 minutos esta peza audiovisual “transmite información totalmente descoñecida. A parte historiográfica ten unha importancia notable, pero a dureza dos lugares onde se desenvolveron os feitos fixo que ata agora non fose posible confrontar a documentación co achado arqueolóxico. A guerrilla e o maquis é algo itinerante, pero esta Cidade da Selva é un lugar físico”, indicaba o director, que incide en que con este traballo búscase dar “visibilidade a Valdeorras en moitas partes do mundo”. O documental inclúe tamén imaxes, aportadas polo AGADIC, tomadas na comarca nos anos 40 e 50, entre elas algunhas das Minas de Wolframio de Valborraz. “Recóllense materiais visuais de gran relevancia”, engadía Riaño.

A estrea de “Ciudad de la Selva” está prevista para o vindeiro 17 de setembro no Teatro Lauro Olmo do Barco ás 19:30h., un acto que contará coa presenza de representantes políticos, sindicais e sociais tanto da comarca como de ámbito galego. Ademais haberá novas proxeccións o domingo e o luns, así como na seguinte fin de semana.

Ademais de no Barco está previsto que este documental se proxecte en cidades galegas como Vigo, Ferrol, Redondela, Santiago ou Lugo. A intención é tamén mover a película a nivel nacional e mesmo internacional.

No acto da presentación tamén interviña o concelleiro de Turismo do Barco, Eladio Santos, quen destacaba que esta película “é produto da investigación” e amosa “toda a vida dos guerrilleiros fuxidos do réxime franquista. Supón unha aposta cultural, unha recuperación da nosa memoria”. Así mesmo indicaba que este tipo de iniciativas “axudan a investigar e, sobre todo, a divulgar e difundir”.  Finalmente, sinalaba que o Cine Club Groucho Marx colabora na estrea e nas proxeccións no Barco.

Fotos: A.R.

Horarios e días de proxección do filme

Artigos relacionados

Back to top button