SanidadeÚltima hora

A CIG denuncia novos retrasos nos pagos dos gardas de seguridade dos hospitais de Valdeorras e de Verín

 

Representantes da central sindical CIG mantiñan neste martes unha reunión coa dirección do Distrito Sanitario de Valdeorras para plantexarlle a problemática no retraso dos pagos aos gardas de seguridade do Hospital Público de Valdeorras, pero no encontro “non se producían avances”, segundo o sindicato.

“Volven estar sen cobrar, levamos denunciando dende agosto o retraso continuado no cobro das nóminas, é dicir, no seu convenio teñen que cobrar como máximo a día 5 de cada mes, porén dende agosto están cobrando con retraso, pero aínda ían cobrando. Sen embargo o mes de setembro non o cobraron e estamos a mediados de outubro. Presentamos varias denuncias a inspección, de feito, vimos de presentar a última en setembro e puxémolo en coñecemento da xerencia do hospital, a dirección sabía que se estaba pagando con retraso”, sinala o secretario local da CIG, Francisco Moral.

Son un total de 10 traballadores os que se están vendo afectados por esta situación: 5 no Hospital de Valdeorras e outros 5 no Hospital de Verín. “Informáronnos de que en novembro vai entrar unha nova empresa que vai facer cargo do contrato de seguridade, polo que pensamos que van ser xa dous meses outra vez sen cobrar”, matiza Francisco Moral, lembrando ademais que “neste ano os traballadores levan sete meses sen cobrar, porque aínda que temos sentenzas favorables, que non se recorreron, pero aínda non se ingresou un duro”.

Dende a CIG cualifícase de “inaguantable” a situación que se vén arrastrando hai meses. “Levamos 4 empresas distintas en 3 anos, os traballadores están desquiciados”. Por iso o sindicato pide que se paguen as sentenzas e o salario que se adebeda e anuncia mobilizacións de apoio a estes traballadores.

Artigos relacionados

Back to top button