ConcellosO BarcoÚltima horaVídeos

A conselleira de Medio Ambiente e Vivenda reúnese no Barco cos representantes dos concellos afectados polo incendio

Ángeles Vázquez aseguraba esta mañá que "agora toca coordinar os equipos do Instituto Galego de Vivenda e Solo cos técnicos dos concellos e empezar a facer fichas das distintas vivendas afectadas"

 

Ao día seguinte de que o presidende do Goberno, Pedro Sánchez, visitara Alixo (O Barco de Valdeorras), acompañado entre outros polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda e o conselleiro do Medio Rural, José González, era a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, a que se reunía no Barco de Valdeorras cos representantes dos concellos valdeorreses afectados polo incendio (O Barco, Carballeda de Valdeorras e Rubiá).

Diante dos medios de comunicación a conselleira explicou que o motivo da súa visita é comprobar de primeira man a situación da súa competencia, as vivendas. “O Goberno está unido co obxectivo común de apagar o incendio e poñer a salvo aos veciños pero temos que ir traballando noutros eidos e despois das persoas o importante son as vivendas e a Xunta, igual que no 2017, vai seguir a carón dos afectados”, dixo.

 

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez co alcalde do Barco, Alfredo García.

 

Nese sentido asegurou que agora o que toca é coordinarse cos concellos, “coordinar os equipos do Instituto Galego de Vivenda e Solo cos técnicos dos tres concellos afectados e empezara facer fichas urbanísticas das distintas vivendas afectadas, ver se estaban en ruína, se eran habitables, se hai que derruílas, se son primeira ou segunda vivenda,… e en función diso dispor os créditos necesarios para empezar a traballar”, explicou a conselleira, incidindo en que “temos que facer o esforzo necesario e así o imos facer xunto cos concellos, dándolles distintas opcións, incluso economicamente para sufragar o tempo que tiveran que estar, de ser así o caso, aloxados nun hostal ou hotel”.

Con respecto ás vivendas afectadas polo incendio, Ángeles Vázquez adianta que aínda teñen que ver casa por casa nos distintos concellos. “Non é cuestión de lanzarnos, pero o que si sei é que as persoas que quedaron sen vivenda están atendidas absolutamente todas, tal como nos trasladan dende os concellos e despois hai que ver onde está situada e como hai que facer as cousas pero se algo temos claro é que hai que simplificar e ser áxiles”.

Situación actual do incendio en Valdeorras

 

O delegado da Xunta en Ournse, Gabriel Alén, no Barco.

 

Xunto á conselleira estaba tamén o delegado da Xunta en Ourense Gabriel Alén quen explicou por riba a situación actual na comarca. “O incendio da Enciña da Lastra está apagado pero hai que vixiar para que non reavive, Sobradelo igual e tamén O Serro. A zona industrial de Rubiá ardeu moitísimo e apagouse con contralumes pero hai que seguir controlando”, di.

Con respecto á Veiga de Cascallá e Viladequinta “o incendio está controlado pero temos un problema cos medios aéreos que non saen polo fume”, dixo Alén lembrando que “houbo moitos desaloxos por precaución pero recuperouse a normalidade e os veciños volveron aos domicilios. Tamén temos a dotación excepcional de Protección Civil pero non fixo falta no caso do Barco acompañar a ninguén”, conclúe.

 

Artigos relacionados

Back to top button