A Pobra de BrollónConcellosÚltima hora

A construción da paisaxe galega entre a Tardoantigüidade e a Idade Media, a estudo na Pobra do Brollón

Os días 24 e 25 de setembro a Casa da Cultura Olga Novo acollerán unhas xornadas promovidas polo Consello da Cultura Galega

Imaxe: Guillermo Sotelo Rodríguez.

 

Os días 24 e 25 de setembro a Casa da Cultura Olga Novo da Pobra do Brollón acollerá un dos encontros monográficos co patrimonio cultural que promove o Consello da Cultura Galega (a través da Sección de Patrimonio e Bens Culturais), titulado “A construción da paisaxe galega entre a Tardoantigüidade e a Idade Media: socalcos, campesiñado e cristianismo”.

A intención destas xornadas, coordinadas por Xurxo Ayán Vila (Universidade Nova de Lisboa) e Rebeca Blanco (CCG), é “recoller os resultados de diferentes proxectos que se están desenvolvendo en Galicia arredor da construción da paisaxe galega nun período que foi clave durante a Alta Idade Media e do que, grazas a eles, estamos comezando a comprender na súa verdadeira dimensión. De feito, os resultados están mostrando un discurso alternativo ao hexemónico no que as comunidades rurais teñen moito que dicir”.

Os organizadores deste encontro tamén destacan o feito de que “a maior parte son proxectos construídos dende abaixo, participados pola sociedade e liderados por investigadoras e investigadores novos, cuxos obxectivos e desenvolvemento contrastan cos procesos que, dende arriba, teñen lugar en paisaxes como as da Ribeira Sacra. Non obstante, estes discursos tamén deberán integrarse porque forman parte da propia construción identitaria da actual Ribeira Sacra”.

As xornadas están plantexadas a partir de tres eixes temáticos: materialidades / paisaxes / pensamento. Nelas tamén se pretende dar cabida a “discursos arqueopoéticos” coa participación de Olga Novo.

 

 

Este encontro, organizado pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG coa colaboración do Concello da Pobra do Brollón, Bicentenario Concello de Cereixa, Proxecto Arqueolóxico Castro de San Lourenzo e Asociación de Veciños María Castaña, contará coa participación de Ivan Álvarez Merayo (Coureleando), Sonia García Rodríguez (arqueóloga), Xurxo Ayán Vila (NOVA de Lisboa), Rebeca Blanco-Rotea (arqueóloga, USC), Francisco Alonso Toucido (Tempos Arqueólogos), Cruz Ferro (Universidade do Algarve), Vítor Rodríguez Muñiz (UVigo), Juan Pablo López García (lectura), Olga Novo (escritora e profesora de ensino secundario) e Puri Díaz Ferreiro (viños Val do Frade).

Dentro do programa realizaranse visitas ao castro e necrópole medieval de San Lourenzo (Cereixa), ao casco medieval da Pobra e a Vilachá. Miradoiro da Capela, conxunto etnográfico das Adegas de Vilachá.

O programa íntegro pode consultarse neste enlace:

http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_ac_2021_encontro-construcion-paisaxe-galega-tardoantiguidade-idade-media.pdf

Artigos relacionados

Back to top button