
“Dispar sorte correron os equipos do Inter Ribeira Sacra nos partidos disputados esta fin de semana”, aseguran dende o club de fútbol sala.
Os máis pequenos, os prebenxamíns, lograban un valioso empate (1-1) no encontro disputado o venres 13 de decembro en Celanova, que lles permitiu manter a terceira posición do seu grupo, aínda que esta posición non lles permitirá participar na pelexa polo título, ao ser o seu coeficiente de puntos por partido inferior ao Xuventude Ourense FS, do Grupo 3. “É todo un triunfo chegar a pelexar pola posibilidade de disputar o título, tendo en conta que empezamos a andaina con só cinco nenos, dous deles biberóns (5 anos). Aínda que a todos gústanos gañar, é máis conveniente para os ananos competir nun grupo máis parello, para seguir mellorando”, din orgullosos dende o Ribeira Sacra.

O equipo mixto alevín ofreceu moi boas sensacións, logrando manter o partido igualado fronte ao Academia Futsal Ourense B durante toda a primeira parte, aínda que a maior experiencia destes últimos acabou por decidir o partido nos primeiros compases da segunda parte, con tres goles, que pecharon o resultado final en 3-7. Sinalan desde o club que a estas alturas, o resultado é o de menos, ao atoparse ante un grupo heteroxéneo onde se mesturan benxamíns, alevíns femininas, alevíns de primeiro ano e alevíns de segundo ano. “É un ano complicado, pero o importante é que o grupo segue avanzando e estanse dando os pasos oportunos para contar cun alevín masculino, un alevín feminino e un infantil o ano que vén, os tres con posibilidade de competir en igualdade de condicións contra os outros clubs”, aseguran.

Pola súa banda, o xuvenil adiantara a súa partida fronte ao Academia Futsal Ourense B, que se impuxo con claridade ao Inter, por 0-7. “Atopámonos no mesmo caso que no alevín. É un equipo heteroxéneo, no que se mesturan cadetes e xuvenís, e é o primeiro ano que compiten. Non acompañasen os resultados, pero se o esforzo e compromiso dos futbolistas, que avanzan a pasos axigantados na súa preparación. O ano que vén acompañásennos os resultados ou competiremos máis parellos, unha vez que lle tomaramos o pulso á competición”, conclúen dende o club.
Fotos cedidas.