EconomíaEconomíaÚltima hora

A convocatoria de axudas do tícket de dinamización comercial estará aberta ata o próximo 10 de setembro

Os apoios permitirán "atraer clientela ao comercio de proximidade e mellorar os servizos aos consumidores", segundo a Xunta

 

A Xunta de Galicia vén de abrir a convocatoria de axudas dirixida a asociacións de comerciantes a nivel comarcal, provincial ou autonómico e ás federacións para o impulso das compras de proximidade a través do ticket de dinamización comercial. A esta liña destinaranse 500.000 euros “co obxectivo de construír un sector máis competitivo, atraer clientela e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores na actual situación económica”, segundo o goberno galego.

Para incentivar a demanda comercial e o consumo, apoiaranse campañas de dinamización e actuacións encamiñadas á promoción das vendas, que se deberán presentar dentro dun proxecto que amose a participación directa das asociacións de comerciantes integradas na entidade beneficiaria ou dos establecementos comerciais asociados, de ser o caso.

As entidades interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o próximo 10 de setembro, sendo o investimento máximo subvencionable para actuacións contidas nesta iniciativa do ticket de dinamización comercial de 70.000 euros –federacións que conten con 20 ou máis asociacións–; 48.000 euros –no caso das federacións de menos de 20 asociacións–; e de 13.000 euros para as asociacións de ámbito superior ao municipal.

Esta liña de axudas enmárcase na aposta do Goberno galego, a través da Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, por recuperar e impulsar o papel dinamizador do comercio. Así, a Xunta destina tamén 2,25M€ este ano ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos (CCA) e prazas de abastos, apoios que poden solicitarse ata o vindeiro 30 de agosto.

Tanto os centros comerciais abertos como as prazas de abastos e mercados poderán optar a estas axudas para a posta en marcha ou mantemento de marketplaces e outras iniciativas dixitais como sistemas de envío a domicilio para as compras en liña (loxística e-commerce) ou xestión de redes sociais, para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados, así como campañas de dinamización comercial.

O programa de apoios se dirixe tamén a asociacións de praceiros que, ademais de proxectos de fidelización e dinamización, poderán desenvolver iniciativas relacionadas coa mellora de instalacións e equipamentos.

Artigos relacionados

Back to top button