
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, vén de anunciar que a Xunta de Galicia vai convocar prazas nun total de 50 especialidades nas oposicións do ensino que se celebrarán neste ano 2025, “unha información moi agardada polos aspirantes”, sinalou. Tras remitir a proposta de distribución ás organizacións sindicais da mesa sectorial, o titular do departamento educativo do Goberno galego recordou que as oposicións contan cun total de 1.664 prazas, esgotando a taxa de reposición marcada por normativa estatal. “Esta oferta posibilita unha maior estabilidade dos cadros de persoal, o que é tremendamente positivo tanto para os docentes a nivel individual como para o sistema, xa que permite dar continuidade aos diferentes proxectos educativos que se desenvolven nos centros”, destacou o conselleiro.
Esta proposta analizarase o vindeiro martes, 4 de febreiro, na reunión da mesa sectorial, á que a Consellería levará tanto o decreto de oferta pública de emprego como a convocatoria das probas que se celebrarán, como é habitual, a final de curso.
Por corpos, no de mestre convócanse 426 prazas en oito especialidades, e no de profesores de ensino secundario, 918 en 33 especialidades. Pola súa banda, haberá 80 prazas en oito especialidades no corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP, e 10 para inspectores de educación. En canto á promoción interna, haberá 230 prazas en 32 especialidades.

86% de novo ingreso
“Con este novo proceso imos cubrir 120 postos por cada 100 prazas”, lembrou Román Rodríguez, quen destacou que case o 86% dos postos, un total de 1.424, serán de ingreso libre. “Ademais, haberá 10 prazas para o acceso ao corpo de inspectores de educación e outras 230 para que mestres que forman parte xa do sistema poidan acceder ao un posto como profesores de Secundaria”, detallou o conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez.
O titular do departamento educativo da Xunta fixo fincapé en que as especialidades con maior número de prazas coinciden “coas políticas da Consellería en eidos como a inclusión, o reforzo matemático, o desenvolvemento tecnolóxico ou o plurilingüismo”. Neste sentido, lembrou que Galicia é a líder en España en inglés e sitúase no nivel alto do mundo segundo o estudo más amplo a nivel internacional en coñecemento desta lingua, o EF.
En concreto, no que atinxe ao ingreso libre, convocaranse 157 prazas para Inglés (entre mestres e profesores de ensino secundario), 124 prazas nas dúas especialidades de Informática, 93 prazas para especialistas en Audición e Linguaxe e en Pedagoxía Terapéutica, 77 prazas en Lingua e literatura galega, 58 prazas en Tecnoloxía e 51 en Matemáticas.

Mellores rateos e menor interinidade
A oferta de emprego público deste ano eleva a 20.252 as prazas convocadas polo Goberno galego desde 2009 para renovar o cadro de persoal docente de Galicia, atendendo ás necesidades que vai xerando o sistema, “impulsando unha renovación de aproximadamente dous terzos do profesorado”, afirmou o conselleiro.
Cómpre lembrar que o ensino galego é o que maior estabilidade docente ten, coa menor porcentaxe de interinos de toda España e moi por debaixo da media estatal. Permitirá, ademais, seguir mellorando a rateo de alumnos por profesor das aulas galegas, que xa é a terceira mellor de España, cun índice de 9,8, fronte á media estatal do 11,4.
“Tamén hai que destacar esta oferta docente se produce nun escenario demográfico de caída de matrícula e, porén apostamos por manter os cadros de persoal o máis estabilizados posible”, abondou Román Rodríguez.



