DeportesÚltima hora

A Copa Galega de Paddle Surf Race chegará a Arnoia os días 20 e 21 de maio

Presentación da Arnoia Sup Challenge 2023.

 

O municipio de Arnoia consolídase como destino deportivo de paddle surf coa celebración, os días 20 e 21 de maio, do evento “Arnoia Sup Challenge”, no que se disputará a Copa de España de Longa Distancia, a Copa de España da modalidade Sprint e será tamén unha das probas da Copa Galega de Paddle Surf Race.

A presentación deste evento, co que colabora o Inorde a través do convenio con Turismo de Galicia, tivo lugar hoxe no pantalán de Arnoia, acto no que participou o presidente do Inorde e vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o alcalde de Arnoia, Rodrigo Aparicio; a xerente do Inorde, Emma González; o director xerente de Caldaria, Javier Soto; e o director técnico da proba, Guillermo Goyanes.

O evento deportivo comezará o sábado, 20 de maio, coa Copa de España de Longa Distancia, na que se darán cita os mellores riders do territorio nacional, ademais dalgúns referentes a nivel mundial. Durante a tarde do sábado, tras disputarse a carreira e realizar a entrega de premios, os asistentes poderán gozar dunha divertida saída popular. Mentres tanto, cativos e adultos poderán participar tamén en diferentes clinics de Sup Race.

 

Presentación da Arnoia Sup Challenge 2023.

 

Na competición daranse cita diversas categorías con saídas por quendas que van desde os Sub 8 ata os élite. As distancias serán as seguintes: Sub8 (500 metros), Sub10 (2.000 metros), Sub12 (2.000 metros), Sub14 (3.000 metros), Sub16 (10.000 metros), Sub18 (14.000 metros), e Élite (14.000 metros).

O domingo, 21 de maio, será o peche do evento coa Copa de España de Sprints. A distancia será de 200 metros con xiro de boia en formato ISA. Unha vez finalizado, realizarase a cerimonia de peche coa entrega de premios.

A Copa de España de Sup Race de Longa Distancia está composta por 12 probas que se celebran ao longo do ano en diferentes lugares de España, mentres que a Copa de España de Sprint está composta por 6 probas. En cada unha delas, os participantes obteñen unha serie de puntos en función da clasificación que se suman ao ranking e que, finalmente, designará quen é o gañador tanto da Copa de España de Longa Distancia como da Copa de España de Velocidade.

 

Artigos relacionados

Back to top button