ConcellosEn portadaÚltima hora

A Corporación barquense apoia o convenio de 50.000 euros co CCA

Esta cantidade destinarase a material de protección para o total dos establecementos da vila afectados pola crise, pero tamén á promoción do comercio e da hostalaría local

 

O sector comercio e a hostalaría son algúns dos sectores máis afectados dende o punto de vista pola crise do coronavirus no Barco, ao verse obrigados a pechar no estado de alarma. Así o destacaba o alcalde, Alfredo García, durante a sesión plenaria presencial e inédita que a Corporación barquense celebraba na tarde do 7 de maio no salón de actos do edificio multiusos e na cal se acordaba modificar a contía inicialmente prevista para o convenio anual do Concello do Barco co Barco Centro Comercial Aberto (CCA).

Así este novo convenio, que xa está practicamente ultimado, pasará dos 18.900 euros previstos nun principio para este fin nos orzamentos a 50.000 euros. Esta contía destinarase a mercar material de protección (mascarillas, xel hidroalcohólico, luvas de vitrilo, etc.) e incluiría non só aos establecementos asociados ao CCA, senón ao conxunto do sector. Deste xeito o Concello responde á petición de apoio que lle traslada esta entidade a semana pasada.

“Xa temos un listado elaborado pola Policía Local dos máis de 300 establecementos que se viron obrigados a pechar e fixemos un pequeno mostreo para saber aproxidamente de cantos traballadores estaríamos falando, e nun principio, calculamos que son uns 700”, comentaba  Alfredo García. Parte deses 50.000 euros tamén se destinarán á promoción do comercio e da hostalaría local.

Esta iniciativa, presentada polo grupo de goberno municipal, incluía unha emenda de Riada Cidadá, na que se pedía que se concretasen as medidas, e resultaba aprobada por unanimidade do pleno. Unha vez tomado o acordo, este deberá saír publicado no BOP e, tras 15 días de exposición pública, estímase que en cuestión de mes ou mes e medio podería estar aprobado para realizar a sinatura do convenio.

Nesta mesma sesión plenaria tamén resultaba aprobado inicialmente o Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais por unanimidade, ademais de seis expedientes de bonificación de ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras).

 

 

Ademais resultaba aprobada (cos 12 votos a favor do PSdeG, Riada Cidadá e BNG), unha moción presentada por Riada Cidadá sobre a emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus e outra presentada polo PP sobre a adopción de medidas sociais e económicas en relación coa crise do Covid (cos 15 votos do PSdeG e do PP e as abstencións de Riada Cidadá e do BNG).

Por contra resultaba rexeitada unha moción presentada polo BNG pedindo unha rebaixa no Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica, xa que o único voto era o desta formación política, fronte aos 10 votos en contra do grupo municipal socialista e ás abstencións (6) dos concelleiros do PP e do de Riada Cidadá.

Esta sesión plenaria do Barco, á que o concelleiro Orlando Saavedra asistía virtualmente e na que se gardaban as distancias de seguridade, iniciábase cun minuto de silencio en memoria das vítimas do COVID-19.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button