Hai un son que marca de xeito especial a vida diaria no Barco dende hai uns 80 anos. Iso ata hai máis dunha semana, cando Talleres Meleiro paraba a súa actividade polas medidas aplicadas no marco do estado de alarma pola crise do coronavirus e que restrinxían a actividade ás empresas esenciais.
Esta sirena instalábase en torno ao ano 1942 para avisar dos horarios de entrada e de saída dos traballadores desta veterana empresa valdeorresa. “Daquela non había reloxios e en certa maneira prestaba un servizo, de feito os veciños das aldeas en altura dos arredores do Barco escoitábana perfectamente e pedíannos que non a parásemos”, conta Antonio Melo.
Inicialmente eran seis as veces que soaba: ás 7:45h., ás 8h., ás 13h., ás 14:15h., ás 14:30h. e ás 18h. Co tempo, pasaron a ser catro as ocasións nas que se escoitaba: ás 8:30h., ás 13h., ás 14:30h. e ás 18h. E así continuaba ata hoxe.
Antonio Melo lembra que durante as case oito décadas que leva en funcionamento esta sirena tan só se apagou en dúas ocasións: “cando a empresa se trasladou da nave vella á nova, e foron só dous ou tres días, e noutra ocasión na que se estropeou e cando a se reparou volveu utilizarse”.
Por agora, esta emblemática sirena deixou de marcar as horas no Barco, xa que ao non funcionar Talleres Meleiro, non ten sentido que soe. O regreso deste son será, sen dúbida, un bo sinal e unha volta á normalidade para os barquenses tras semanas de confinamento.
Fotos: Carlos G. Hervella