EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Monterrei aposta polas accións formativas e divulgativas

Nestes últimos días impartía dúas, unha delas no Ferrol e outra en Verín, e a súa intención é continuar nas vindeiras semanas
O director técnico da D.O. Monterrei, Miguel López, na acción formativa impartida en Verín.

A Denominación de Orixe Monterrei vén de realizar nestes días dúas accións formativas e divulgativas. Unha delas tiña lugar na Escola de Especialidades da Estación Naval de A Granxa en Ferrol e a outra a través do Curso de Poda de Viñedo da Asociación Monteval GDR 9, en Verín.

Na actividade do Ferrol, dábase a coñecer este territorio vitivinícola, xunto coa súa historia, clima, solos, variedades de uva e tipoloxía de viños de Monterrei, entre outras cuestións. Logo dábase paso a unha cata para alumnos/as do ciclo superior de Dirección de Cociña deste centro. Nesta cata amosábanse os tintos e brancos de Monterrei, tanto os xoves como aqueles outros con envellecemento en barrica.

No curso de poda en Verín levábase a cabo a presentación “A D.O. Monterrei: estado actual e perspectivas futuras”, seguida tamén dunha cata para os alumnos deste curso. Ambas accións teñen sido impartidas por Luis Miguel López, director técnico do consello regulador.

A intención da D.O. Monterrei é continuar desenvolvendo accións deste tipo nas vindeiras semanas en lugares como Salvaterra de Miño, entre outros. “En termos de divulgación da marca Monterrei son importantes tanto as accións promocionais, como as formativas e divulgativas, que se teñen realizado nos últimos días, xa que non podemos olvidar que os alumnos e profesores dos centros de hostalería son os mellores prescritores para o noso produto, así como tamén reforzar a nosa imaxe no marco local”, sinala a presidenta do C.R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva.

Artigos relacionados

Back to top button