
Os viños da Denominación de Orixe Monterrei estarán presentes en Gastrónoma – Feira Gastronómica do Mediterráneo, que terá lugar do 26 ao 28 de outubro en Valencia. Trátase da primeira ocasión na que Monterrei forma parte deste evento gastronómico, e farao baixo o amparo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dentro do Túnel do Viño situado na zona Wine Experience de Gastrónoma. Esta feira trátase do maior showroom sectorial do país con máis de 290 expositores e 200 relatores.
No espazo de Monterrei ofrecerase información sobre a historia vitivinícola, características edafoclimáticas ou tipoloxía de viños, entre outras cuestións. Ademais, os que se acheguen ata a área poderán coñecer as elaboracións das seguintes adegas rexistradas: Ladairo, Pazo das Tapias, Gargalo, José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), Terras do Cigarrón, Triay, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Vía Arxéntea, Abeledos, Pazo de Valdeconde, Tabú, Franco Basalo, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo), Manuel Vázquez Losada e Manuel Regueiro García.
Doutra banda, os viños de Monterrei tamén participarán nas diferentes presentacións de ‘Experiencias de Calidade’ e ‘Galicia Sabe Amar’, que levarán a cabo durante os tres días da feira.