Explora todos os formatos dixitais dispoñibles neste momentos, apostando polo uso de plataformas como Spotify, influencers ou publicidade en redes sociais, entre outros. E, ao mesmo tempo, pon o foco na súa variedade raíña: a Treixadura. Así é a nova campaña publicitaria “Treixadura. Modo Ribeiro” que vén de lanzar o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, a máis antiga de Galicia.
“Trátase dun novidoso enfoque que sitúa a esta D.O. no seu conxunto e á súa uva máis representativa, a Treixadura, no foco de todas as miradas cunha idea clara: cando desexas gozar dun momento especial, necesitas activar o “modo Ribeiro” saboreando unha copa de Treixadura do Ribeiro. Activamos o modo Ribeiro que levamos dentro cando gozamos dun Treixadura, cando queremos celebrar, cando nos acompañan as persoas coas que estamos ben e nos sentimos cómodos, cando queremos incorporar un sabor único ás nosas comidas e ceas”, tal e como explican dende o seu consello regulador.
A campaña conta tamén coa colaboración de personalidades de diferentes ámbitos que encaixan á perfección co público Treixadura: desde artistas a creadores de tendencias, como a ex modelo e deseñadora Laura Ponte, o xornalista de viaxes e influencer Miguel Carrizo, a escritora Alejandra G. Remon, o deseñador de interiores Guille García Hoz, e ilustradoras e artistas como a galega Lara Lars ou Laura Agustín.
A campaña dispón dunha web específica na que, activando o “modo Ribeiro”, ademais de información sobre a uva Treixadura, pódense encontrar diferentes contidos interactivos, como playlists musicais en Spotify, ou materiais descargables, como fondos de pantalla personalizados para o móbil.
Un vídeo principal e varias historias
Esta acción promocional céntrase nun vídeo principal e tres clips secundarios, un por cada protagonista, nos que se poden descubrir os diferentes perfís que gozan dun viño Treixadura no seu día a día ou nos momentos especiais. Distribuiranse a través de medios de comunicación online e de redes sociais (Facebook, Twitter, Youtube e Instagram).
Para a creación e desenvolvemento da campaña, o C.R.D.O. Ribeiro, que preside Juan Manuel Casares, contou coa axencia de publicidade coruñesa Nasas, que tamén deseñou e desenvolveu a campaña de lanzamento, xunto coa planificación e xestión de medios.