EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Ribeiro prepara un operativo de 25 traballadores para esta vendima

A vindeira semana participarán nun completo curso de formación denominado “Coñecemento da viña e da adega. Produción vitícola e vinícola”

Cedida.

 

Conta atrás para o inicio de campaña vitivinícola no Ribeiro. O Consello Regulador desta Denominación de Orixe está pechando os últimos detalles do operativo para a vendima 2021, que estará formado por un grupo de 25 traballadores.

Este grupo participará o luns, o martes e o mércores a dobre xornada nun completo curso (40 horas) de formación de reforzo no recoñecemento e identificación das variedades de uva da Denominación de Orixe Ribeiro, así como todos os aspectos tanto morfolóxicos, agronómicos cono enolóxicos das mesmas. Asemade reforzarase o coñecemento de toda a maquinaria presente en adegas incluíndo visita presencial a un viñedo e instalacións. Para a implementación deste curso, cóntase coa colaboración da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL).

Todo este operativo de vendima desprégase en virtude das competencias que ostenta o Consello Regulador da D.O.P. Ribeiro xa que este organismo é o máximo responsable no control e verificación da uva que entra nas adegas oficialmente inscritas no seu rexistro. Por esta razón este operativo está creado para garantir a orixe e a calidade nos produtos da D.O. Ribeiro ao tempo que se transmite toda a seguridade ao público que consumirá nun futuro as nosas elaboracións.

Inspeccións prevendima

Dende mediados do mes de xullo, como vén acontecendo nos últimos tres anos, estanse a levar a cabo inspeccións prevendima nas fincas de viticultores da D.O. Estas accións serven para valorar o estado actual dos viñedos, así como facer unha aproximación da colleita para este ano.

Neste sentido dende o Consello Regulador apuntan que “durante os últimos tres anos leváronse a cabo máis de 500 inspeccións, o que permite ir facendo unha actualización permanente do rexistro vitícola, ter ao día todos os datos dos viticultores, as súas fincas e variedades de uva así como facer controis do estado das variedades e unha estimación da colleita”.

Segundo o presidente da D.O. Ribeiro, Juan M. Casares, “máis alá dos operativos propios da vendima, todas as medidas implentadas dende hai tres anos, como a inspección de viñedos antes da vendima ou a actualización do noso rexistro vitícola, fanse con base nas competencias que ostentan os Consellos Reguladores, por delegación expresa da Consellaría do Medio Rural, co obxectivo de garantir a orixe e a calidade dos produtos que amparan. Asemade estas medidas teñen conseguido nos anos anteriores protexer aos nosos viticultores, avanzar na consecución de prezos máis xustos pola uva producida e transmitir cada día máis seguridade ao consumidor de Ribeiro.”

Artigos relacionados

Back to top button