EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Valdeorras abrirá este domingo a vendima “máis madrugadora da súa historia”

As adegas María Teresa López Fidalgo e Sampayolo iniciarán os labores de recollida de godello en Carballeda de Valdeorras e Petín

Primeiras labores de vendima na D.O. Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O inicio da vendima en Valdeorras este ano adiantarase respecto á media das últimas colleitas. Este domingo 20 de agosto, a adega María Teresa López Fidalgo comezará a recoller uva godello na súa viña “O Cabalín”, en Viladequinta (Carballeda de Valdeorras); mentres que Bodega Sampayolo recolectará a mesma variedade na súa finca “Olivedo”, en Sampaio (Petín).

“As altas temperaturas que leva soportando a comarca os últimos meses provocaron que se adiantase a data da vendima respecto a outros anos. Non estamos falando de feitos illados só nunhas poucas parcelas, xa que, a día de hoxe, xa confirmaron o inicio dos traballos de recolección para comezos da vindeira semana outras 6 adegas máis”, segundo indica o Consello Regulador da D.O. Valdeorras.

Boas previsións

Os técnicos do Consello Regulador, tras as últimas visitas a viñedo realizadas estes días, agardan que sexa unha boa vendima, na que seguramente se superarán os quilos de uva recollidos en 2022. No que se refire á calidade, as previsións tamén “son moi boas xa que as distintas variedades que se cultivan en Valdeorras presentan, a día de hoxe, un estado óptimo de conservación na gran maioría das parcelas. A pesar do temperán comezo dos traballos de recolección, agárdase que esta campaña sexa longa e que non remae ata principios de outubro. As grandes diferenzas de altitude entre unhas zonas e outras do territorio amparado, provocan que os tempos de maduración sexan moi diferentes”.

Artigos relacionados

Back to top button