EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Valdeorras, novamente presente na London Wine Fair

No stand deste consello regulador daranse a coñecer máis de 30 referencias dunha ducia de adegas desta zona produtiva

 

Expositor da D.O. Valdeorras en Alimentaria.

Entre os días 21 e 23 de maio, a Denominación de Orixe Valdeorras participará na 38ª London Wine Fair, un foro vitivinícola internacional no que contará cun expositor propio. Ata a capital británica desprazaranse o presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, e o director técnico do organismo, Jorge Mazaira. Dentro do stand de Valdeorras, daranse a coñecer máis de 30 referencias dunha ducia de bodegas da comarca.

Esta é unha mostra a que acostuma asistir o consello valdeorrés. “Trátase dunha feira moi relevante que nos axudará a dar proxección internacional aos nosos viños”, sinala o seu presidente. “Durante os tres días que dure o foro, esperamos dar a coñecer os nosos brancos e tintos entre diferentes grupos de interese tales
como distribuidores, maioristas, importadores de bebidas e compradores clave do canal detallista e do canal Horeca (restauradores, sumilleres, propietarios de pubs ou bares e responsables de hoteis), así como entre xornalistas especializados e outros prescritores relevantes”.

Segundo destaca García Pando, o Reino Unido é o mercado exterior máis relevante para Valdeorras “en termos cuantitativos” xa que “a el se exportaron máis de 65.000 litros de viño na última campaña. Queremos coidar especialmente e preservar este mercado.

A 38ª edición da London Wine Fair reunirá 14.000 viños de 40 países diferentes nun recinto de máis de 17.000 metros cadrados. Esta é o terceiro certame de referencia ao que acude neste ano o consello valdeorrés, tras ProWein e Alimentaria.

Artigos relacionados

Back to top button