EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

A D.O. Valdeorras pretende dinamizar a Feira do Viño con actividades paralelas

Ademais vén de convocar o concurso para elixir a imaxe promocional desta mostra, prevista do 8 ao 9 de xullo en Viloira (O Barco)

Imaxe da pasada edición da Feira do Viño de Valdeorras./ Foto: A.R.

 

A Feira do Viño de Valdeorras podería incorporar novidades. O Pleno do Consello Regulador, reunido esta tarde en Vilamartín de Valdeorras, estudaba diferentes accións e propostas para contribuír a dinamizar a XXIV Feira do Viño de Valdeorras. Un foro que se desenvolverá o 8 e 9 de xullo na praza barquense de Viloira e no que os asistentes poderán degustar viños de diferentes colleitas nas casetas das bodegas participantes.

“Pero, ademais, porase en marcha unha axenda de actividades paralelas no propio recinto feira para ofrecer alternativas de ocio e lecer, que vincularán principalmente viño e gastronomía, aos nosos visitantes”, destacou o presidente do organismo,José Ramón Rodríguez Castellanos, quen asegurou que as diferentes accións que se levarán a cabo iranse comunicando paulatinamente e con antelación suficiente a través das redes sociais e da web da D.O.

Entre as actividades que se prevé poñer en marcha destaca a xa tradicional Cata Oficial da Feira do Viño de Valdeorras, catas maridadas e actividades dirixidas aos cativos.

Posta en valor gráfica dun saber facer único

Tamén destacou Rodríguez Castellanos, ao finalizar a reunión plenaria de hoxe, que ao igual que o ano pasado vaise activar un concurso aberto a todos os interesados para elixir o cartaz que ilustrará a vindeira edición da feira. “O cartel debe poñer en valor dun xeito gráfico o saber facer único do sector vitivinícola da nosa comarca, que leva séculos elaborando tintos e brancos dunha altísima calidad”, destacou o presidente da D.O.

Cada participante poderá presentar un máximo de tres propostas distintas e o tamaño dos orixinais debe ser de 43 x 63 centímetros en posición vertical. Os carteis deben achegarse en soporte informático en arquivo .jpg ou .png e en alta resolución (mínimo 300ppp).

Cada proposta ten que ser enviada por email ao enderezo electrónico secretaria@dovaldeorras.com ou por correo postal á seguinte dirección:

Secretaría do C.R.D.O Valdeorras
Estrada Nacional 120 Quilómetro 463
32.340-Vilamartín de Valdeorras (Ourense)

Indicarase o nome e os apelidos, o enderezo e o número de teléfono do autor. A data limite de recepción de propostas finaliza ás 14.00 horas do 15 de xuño de 2023. Finalmente, a proposta gráfica debe conter nalgures o seguinte texto:

XXIV Feira do Viño de Valdeorras, 8 e 9 de xullo de 2023, O Barco de Valdeorras

Técnica, xurado e premios

Nas propostas poderá empregarse calquera técnica artística: pictórica, informática, fotográfica, etc. Concederase un único premio de 600 euros e o xurado estará composto por representantes dos eidos do deseño, a comunicación e a arte, así como polo presidente do Consello Regulador ou persoa na que este delegue. O fallo do xurado farase público na semana do 19 de xuño de 2023 e o seu ditame será inapelable.

As bases compeltas do concurso poden consultarse na web do Consello Regulador www.dovaldeorras.tv.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button