En portadaÚltima hora

A D.O. Valdeorras prevé unha campaña de vendima “moi boa”

O pleno do seu consello regulador vén de aprobar pequenas modificacións nas normas de vendima para "aumentar as garantías de procedencia da uva"

Labores de vendima nunha campaña anterior na D.O. Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras celebraba este luns 26 de agosto un pleno no que se acordaba acometer pequenas modificacións nas normas de vendima co fin de aumentar as garantías de procedencia da uva.

“No tempo que dure a vendima os produtores deberán levar sempre consigo a documentación que acredite a súa vinculación ao territorio amparado”, sinala o presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando.
Con estas modificacións, finalízanse os trámites preparatorios para a campaña de vendima 2019 en Valdeorras, que se iniciará nos vindeiros días e que se prevé “moi boa”, segundo adianta García Pando.

De cara á vendima o pleno do CRDO Valdeorras tamén aprobou a contratación dos vedores a través dunha firma de traballo temporal coa que o organismo xa colaborou noutras campañas.

Paralización de catas

Tamén ao igual que en anos anteriores, o pleno do consello regulador acordou  paralizar as verificacións de aptitude das partidas de viños. É dicir, para non interferir coa vendima, paralízase o traballo ordinario de catas que se vén desenvolvendo periodicamente nas instalacións do Consello.

As adegas interesadas teñen agora 15 días por diante para poder verificar a aptitude das súas partidas antes de que se paralicen temporalmente as catas. Finalmente, o pleno aprobou tamén mudar as condicións do contrato dun dos técnicos do organismo, que pasa a ser persoal fixo do Consello.

Artigos relacionados

Back to top button