En portadaÚltima hora

A D.O. Valdeorras promove a creación dun ciclo superior de vitivinicultura na comarca

xa existe un centro público na comarca, o I.E.S Cosmé López da Rúa, interesado en acoller este ciclo, segundo o consello regulador

Imaxe da xuntanza no consello regulador valdeorrés, en Vilamartín./ Foto: D.O. Valdeorras.

 

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras está a traballar para promover a creación dun ciclo de Formación Profesional Dual na comarca, en concreto o Superior de Técnico Especialista en Vitivinicultura. “Con esta finalidade establecemos contactos coa Consellería de Educación e mantivemos tamén unha primeira xuntanza cunha representación de adegas valdeorresas”, sinala José Luis García Pando, presidente do consello regulador.

Buscando a colaboración das adegas nesta iniciativa, a D.O. acollía nas súas instalacións unha reunión na que participaron técnicos da Consellería de Educación xunto a diferentes adegueiros da zona, que “amosaron a súa disposición a formar parte do proxecto. De feito, nesta primeira xuntanza contouse xa co número mínimo de empresas que se precisarían para activar a creación deste ciclo de FP Dual, de dous cursosacadémicos de duración, que sería o primeiro de Valdeorras destas características e o segundo de Ourense”, segundo se informa dende o consello.

O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, xunto a representantes do IES Cosme López da Rúa./ Foto: D.O. Valdeorras.

 

Segundo adianta García Pando, xa existe un centro público na comarca, o I.E.S Cosmé López da Rúa, interesado en acoller este ciclo para cuxo desenvolvemento se precisa establecer un convenio de colaboración
entre a institución educativa e as empresas (adegas neste caso) nas que os alumnos realizarían a formación complemetaria. Precisamente, a súa xefa de estudos participou tamén na xuntanza en nome da comunidade educativa do centro, xunto con outros dous profesores.

Artigos relacionados

Back to top button