O secretario xeral do PSdG, José Ramón Gómez Besteiro, destacaba hoxe que o 41º Congreso Federal do PSOE que se celebra en Sevilla será clave para trazar o camiño de progreso da próxima década en España. “Unha España que non só adianta pola esquerda, senón que lidera desde a esquerda”, subliñou.
Besteiro asegurou que o Partido Socialista de Galicia xogará un papel fundamental para que este liderado se manteña: “Desde o PSdeG imos contribuír a que siga sendo así”. Para iso, a delegación galega levará tres prioridades claras a este Congreso Federal: maior financiamento local, acceso a unha vivenda digna e máis igualdade de xénero.
Gómez Besteiro puxo en valor o traballo realizado pola delegación galega, grazas ao diálogo coa cidadanía e ás reunións cos alcaldes e alcaldesas de Galicia. “Froito da reunión que celebramos e dos Diálogos con Raíz organizados por todo o territorio, preparamos as nosas propostas e medio millar de emendas para este congreso”, explicou. Quixo ademais trasladar o seu agradecemento á militancia e aos representantes locais polo esforzo realizado neste proceso: “Quero darvos as grazas polo voso traballo”.
Destacou tamén a importancia do Congreso Federal como punto de encontro e renovación. “Xunto aos compañeiros e compañeiras do partido en España celebraremos un congreso para renovar forzas, consolidar os avances impulsados desde a esquerda e seguir facendo de España o país líder da zona euro”.