EconomíaEconomíaÚltima hora

A Deputación abre unha liña de axuda para eventos e actividades do Barco CCA

 

A Deputación de Ourense abrirá unha liña de axuda destinada a eventos e actividades que organice o Centro Comercial Aberto (CCA) do Barco de Valdeorras, anunciou o presidente provincial Manuel Baltar tralo encontro que mantivo co presidente da agrupación comercial, Jacobo Arias, e coa súa xerente Ainhoa Carracedo. Unha achega valorada en 15.000 euros “que reforzará a cooperación cun sector clave non só para os empresarios e autónomos da vila, senón tamén de toda a comarca”, afirmou Baltar.

Explicou que esta axuda canalizarase a través do Inorde, como se está a facer co área comercial Ourense Centro da capital, poñendo énfase na capacidade da Deputación “para ofrecer este tipo de colaboración logo de obter a débeda cero e cuns resultados de execución orzamentaria que repetimos e melloramos ano tras ano”. Unha forma de chegar ao territorio “a través de entidades que representan a unha parte importante do tecido económico e produtivo dunha comarca como Valdeorras”.

 

 

Jacobo Arias agradeceu en nome dos comerciantes asociados “o importante apoio da Deputación e a positiva resposta do seu presidente, cunha achega que é todo un alivio para o noso colectivo”.

Arias sinalou que esta liña de axuda permitirá desenvolver ao Centro Comercial Aberto do Barco actividades que teñen unha gran aceptación entre a veciñanza, destacando entre elas a pasarela de moda. Un evento que tras dous anos de ausencia regresou ás rúas da vila o pasado 9 de abril coa participación dunha vintena de establecementos e un gran éxito de público.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button