ConcellosManzanedaÚltima hora

A Deputación asumirá a titularidade da estrada local que vai polo municipio de Manzaneda ata a estación de montaña

Manuel Baltar e o alcalde, Amable Fernández, pecharon esta mañá no Pazo Provincial os detalles dun acordo nese senso

 

A Deputación de Ourense asumirá a titularidade da estrada local que discorre polo municipio de Manzaneda ata a estación de montaña (OU-44005), vía que precisa dun tratamento integral pola súa importancia para as comunicacións na comarca e para conectar o complexo co resto de Galicia e comunidades limítrofes.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, pechaban esta mañá os detalles do acordo durante o encontro que mantiveron no Pazo Provincial e no que se puxo de manifesto a vontade de colaboración entre ambas as dúas administracións para rematar coa tramitación do cambio de titularidade.

O documento establece que a estrada municipal OU-44005, desde a OU-0701 ata a OU-0704, pasando pola estación de montaña, pasará a ser de carácter provincial, comprometéndose a Deputación e o Concello de Manzaneda a realizar os oportunos trámites ante a Xunta de Galicia.

Manuel Baltar e Amable Fernández coincidiron en destacar que grazas a este acordo a Deputación poderá acondicionar unha estrada que non só beneficia ao concello de Manzaneda e ao conxunto da comarca de Trives, senón tamén a todos os visitantes que se achegan ata a estación de montaña, tanto procedentes do resto de Galicia como doutras comunidades autónomas.

 

 

En espera a cesión do treito correspondente ao Concello de Trives

Trala reunión, o deputado de Cooperación, Pablo Pérez, explicou que o goberno provincial e o Concello de Manzaneda decidiron pechar este protocolo de colaboración logo de máis de tres anos esperando polo acordo plenario do Concello de Trives, imprescindible para a cesión do treito da estrada que atravesa este municipio e para completar o cambio de titularidade de toda a vía.

Pablo Pérez sinalou que o Concello de Manzaneda aprobou tramitar esta cesión nun pleno celebrado en xullo de 2019, asunto que contou co apoio de toda a corporación. Non obstante, en setembro dese ano o propio deputado de Cooperación tivo que informar da imposibilidade de continuar coa tramitación do expediente ao non ter recibido o acordo plenario do Concello de Trives, para a cesión do treito de estrada da súa competencia. Agora, incidiu Pablo Pérez, “transcorridos tres anos e para non adiar máis o expediente, Deputación e Concello de Manzaneda pechan este acordo para a mellora integral da vía que conecta Galicia e outras comunidades coa estación de montaña”.

Artigos relacionados

Back to top button