A Deputación de Ourense colaborará coas obras de acondicionamento da sede actual do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras. Así se acordou na xuntanza que mantiñan hoxe no Pazo Provincial o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o presidente do CRDO Valdeorras, José Luis García Pando, acompañado polos xerentes das adegas Santa Marta e Joaquín Rebolledo, José Guitián e José Ramón Rodríguez.
O presidente da Deputación destacaba “a excelencia dos viños de Valdeorras e a súa gran proxección nacional e internacional, unha cooperación que a institución provincial continuará mantendo polo que significa de estratéxico para Valdeorras e para a provincia de Ourense o sector vitivinícola”, indicaba Baltar.
A achega da Deputación de Ourense para o acondicionamento das instalacións do consello regulador ascende a 80.000 euros, “e non se descarta por parte da Deputación a colaboración futura para que a sede deste organismo vitivinícola se sitúe noutro inmoble”, segundo avanzan dende este organismo provincial.