CulturaCulturaÚltima hora

A Deputación de Ourense entrará na Fundación Florencio Delgado Gurriarán

O presidente provincial vén de reunirse coa comisión que está a impulsar a fundación deste autor

 

A Deputación de Ourense formará parte da Fundación Florencio Delgado Gurriarán “para manter vivo o legado dun valdeorrés universal, máis aló dos actos e das homenaxes que se celebren en 2022 con motivo da dedicatoria do Día das Letras Galegas ao poeta ourensán”. O presidente provincial, Manuel Baltar, realizou este anuncio logo da reunión que mantivo está mañá cos representantes dos concellos da Rúa, O Barco e Vilamartín de Valdeorras, así como coa directora da comisión que está a impulsar a posta en marcha da fundación, Débora Álvarez.

No encontro analizáronse os actos que se están a deseñar para lembrar a figura e traxectoria de Delgado Gurriarán ao longo do próximo ano, coincidindo coa dedicatoria das Letras Galegas, “actividades que non deben cinguirse a un ano de celebracións, senón que deben permanecer vixentes no tempo para dar a coñecer o seu compromiso e a súa filosofía de traballo”, apuntou Baltar.

Nesta liña, engadiu, o obxectivo é “dar continuidade e estabilidade á difusión da súa obra e á divulgación de cuestións referidas ao desenvolvemento da comarca de Valdeorras nos máis diversos ámbitos, unha iniciativa que desde a Deputación de Ourense acollemos con satisfacción participando no proxecto de creación da futura fundación”.

O presidente provincial comprometeuse tamén a colaborar e apoiar na posta en marcha durante 2022 de diversas actividades que teñan como protagonista a Gurriarán, “sexan culturais, referidas ao Camiño de Inverno, educativas ou mesmo audiovisuais, poñendo o foco na comarca coa escusa perfecta da dedicatoria do Día das Letras Galegas”.

O pasado 2 de xullo, a comarca de Valdeorras celebrou a decisión da Real Academia Galega de dedicarlle o Día das Letras Galegas 2022 a Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903-Fair Oaks, California, 1987). A institución valorou “o seu labor literario e activismo político e cultural como un dos capítulos máis destacados das letras galegas da diáspora”, cualificando ao autor de Córgomo como “excelente poeta, cultivador dun galego enxebre, característico das terras de Valdeorras”, ao tempo que destacou que a través da súa figura “tamén se homenaxeará, por primeira vez, á Galicia do exilio republicano en México, país onde o propio Delgado Gurriarán e outros colegas desenvolveron iniciativas sobranceiras que mantiveron vivo o facho da nosa identidade e que constitúen un referente obrigado da nosa historia contemporánea”.

Artigos relacionados

Back to top button