OurenseÚltima hora

A Deputación de Ourense inxecta 8 millóns de euros aos concellos “para axudalos na crise de Covid-19”

Trátase dun montante económico que anticipa aos concellos que teñen delegada no ente provincial a recadación de impostos e que previamente teñan solicitado o reintegro deste anticipo

Fachada da Deputación de Ourense. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

O goberno provincial está impulsando “unha medida de gran trascendencia económica para os concellos, que lles permite facer fronte dende o ámbito local e con maior fortaleza á pandemia de coronavirus”, afirma Baltar. Trátase dunha inxección de liquidez de 8 millóns de euros, un montante económico que a Deputación de Ourense anticipa aos concellos que teñen delegada no ente provincial a recadación de impostos e que previamente teñan solicitado o reintegro deste anticipo. Así o anunciaba o presidente na reunión semanal da Xunta de Goberno extraordinaria celebrada onte vía telemática.

Manuel Baltar afirma que esta medida “está sendo moi ben acollida polos concellos, porque lles permite dispoñer de fondos para levar a cabo iniciativas dirixidas a combater a pandemia do coronavirus nos seus ámbitos locais e actuar con toda a previsibilidade posible dende o punto de vista económico”.

Xa dende datas previas á declaración da pandemia e durante as seguintes semanas, a Deputación anticipa aos gobernos locais que o soliciten a recadación de impostos de todo o ano 2020. “Ata agora, esta inxección de liquidez supuxo para os concellos da provincia de Ourense ingresar uns catro millóns de euros (3.945.200 €) e cabe a posibilidade de anticipar outros catro millóns máis aos restantes concellos que teñen delegada ditas taxas na Deputación e que soliciten o reintegro deste anticipo”, explica Baltar, engadindo que “ten custe cero, dado que se concede sen interese financiero algún”. Ademais, o presidente da Deputación de Ourense asegurou que se “compromete a facer efectivos estes anticipos sen dilación, nun prazo de 48 horas”.

Artigos relacionados

Back to top button