OurenseÚltima hora

A Deputación inicia o estudo do traslado da actividade administrativa para converter o Pazo Provincial nun gran hotel balneario

 

A sala de xuntas do Pazo Provincial acollía este 2 de xaneiro unha reunión de traballo para avanzar no proxecto de transformación da actual sede da Deputación no gran hotel balneario de Ourense. ”Un encontro frutífero -sinalou o presidente Manuel Baltar-, no que estudamos diversas opcións para o traslado da actividade administrativa a unhas instalacións provisionais, decisión que esperamos ter pechada no primeiro semestre do ano”.

Na reunión celebrada esta mañá participaron, ademais do presidente provincial e técnicos da Deputación, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; a edil de Urbanismo do Concello de Ourense, Sonia Ogando e o redactor do anteproxecto, Mario Crecente.

“Hoxe queda un día menos para que a cidade e a provincia conten co que será un dos grandes balnearios de referencia en España e Europa”, afirmou Manuel Baltar, subliñando así a importancia dunha sesión de traballo na que as institucións implicadas no proxecto -provincial, local e autonómica- analizaron os trámites, procedementos e pasos a dar nos próximos meses, “reunións que seguirán repetíndose co claro obxectivo de que no 2026 o Pazo Provincial sexa o gran hotel balneario Auria”.

Non obstante, apuntou o presidente provincial, para moito antes desa data o persoal da Deputación deberá estar situado noutras instalacións para desenvolver o traballo administrativo. Así, avanzou Manuel Baltar, “aínda que non sexa a solución definitiva, antes de xuño deste ano saberemos xa onde estarán as oficinas provisionais. Para elixir a futura sede da Deputación hai tempo, pero agora o máis importante é solucionar transitoriamente o traslado do persoal para que siga exercendo as súas funcións”.

 

 

“Un proxecto emblemático para o futuro de Ourense”

O proxecto impulsado polo presidente da Deputación para converter o Pazo Provincial nun gran hotel balneario ten o seu punto de partida nos resultados da captación termal protexida realizada nu dos patios interiores da Deputación, onde se atopou un acuífero termal cun caudal de 3 litros por segundo, a unha temperatura de 41,6 graos a 172 metros de profundidade e cun contido en sales minerais propio das augas termais de Ourense. Un caudal máis que suficiente para que a actual sede da Deputación, un inmoble construído a finais do século XIX e declarado Ben de Interese Cultural en 1975, convírtase nun establecemento hoteleiro de 5 estrelas cunha ampla oferta termal, a escasa distancia dun dos emblemas da cidade como As Burgas e na contorna da área comercial e o casco vello da cidade.

Co nome de Auria -en homenaxe á cidade na que Eduardo Blanco Amor ambientou as súas obras- o anteproxecto do balneario calcula que no primeiro andar poderanse habilitar entre 52 e 71 habitacións con seis tipos de aloxamentos (individual, dobre, dobre premium, suite, suite con spa, suite con dúas habitacións e spa). Os patios interiores estarán cubertos con solucións tecnolóxicas e reversibles para protexer do sol o interior e captar enerxía, incluíndo na zona norte unha gran piscina de inspiración romana rodeada por un circuíto balneario, mentres que na área sur habilitarase un espazo polivalente para acoller unha ampla variedade de eventos como presentacións, conferencias, concertos ou ser empregado a modo de terraza cuberta do restaurante e do hotel.

Artigos relacionados

Back to top button