PolíticaÚltima hora

A deputada socialista Marina Ortega pide “un plan inmediato para o servizo de Radioloxía do Hospital de Valdeorras”

Vén de presentar unha serie de iniciativas sobre os hospitais comarcais no Parlamento galego

A deputada socialista por Ourense, Marina Ortega, no Parlamento galego.

 

A deputada socialista ourensá no Parlamento galego, Marina Ortega, vén de presentar unha serie de iniciativas na Cámara galega para pedirlle á Xunta de Galicia que “reverta os servizos mínimos de xestión directa nos hospitais comarcais e que desapareceron no Hospital de O Barco de Valdeorras”. A parlamentaria socialista asegura que os recortes aplicados pola administración galega provocan un “grave deterioro na calidade asistencial para toda a cidadanía do lugar”.

Ortega apunta que “servizos como Cardioloxía, Dermatoloxía, Traumatoloxía, Cirurxía, Uroloxía ou Urxencias limitaron significativamente as consultas ou directamente deixaron de funcionar, obrigando aos pacientes a desprazarse 206 quilómetros ida e volta ata o Hospital de Ourense para ser atendidos ou, aqueles que poden, desprazarse á privada en Ponferrada”.

A responsable socialista reclámalle ademais ao goberno galego que elabore un “plan inmediato para solucionar o que está a acontecer co servizo de Radioloxía”, onde sucede “o mesmo que cos servizos que se perderon nos últimos anos”. Alerta de que “a falla de incentivos dos profesionais fai que os servizos queden sen cubrir, afectando unha vez máis especialmente aos hospitais comarcais coma aos centros de saúde”.

Así mesmo a deputada socialista indica que, “pouco a pouco, o Hospital Comarcal perde capacidade resolutiva e recursos para ofrecerlle á propia cidadanía o dereito a unha sanidade pública e próxima que garanta a igualdade de oportunidades, con independencia do seu lugar de residencia”. Engade que “a administración competente ten que evitar a perda progresiva de recursos técnicos asistenciais nun hospital que xa perdeu capacidade e facultativos”.

Artigos relacionados

Back to top button