A devastación poboacional causada polas grandes epidemias de peste bubónica que asolaron Galicia no medievo remataron por favorecer enormemente a expasión do viñedo, ata entón superado por outros cultivos, como o das mazás de sidra. Estas explosións epidémicas causaron a morte de entre un cuarto e a metade da poboación en toda Europa. Así o sinalaba o profesor de Historia Medieval da Universidade de Santiago de Compostela (USC), José Miguel Andrade, na conferencia impartida o 26 de outubro no Museo Claustro Mercedario de Verín e que abría o ciclo “Do Viño de Galicia 2019”, que percorrerá as denominacións de orixe.
Tras esta traxedia da peste, como consta na numerosa documentación medieval examinada e procedente na súa maioria do Tumbo do mosteiro de San Salvador de Celanova (un cartulario onde os monxes apartaban a documentación relevante), moitos territorios de cultivo quedaron ermos.
Pero a historia está chea de grandes oportunidades, que ás veces chegan dacabalo das grandes desgrazas. Así os propietarios dos terreos, normalmente os grandes mosteiros como o de Celanova no caso de Monterrei, comezaron a esixir nos novos contratos de aforamento a prantación de bacelos, como condición para autorizar o uso da terra. A uva comezou así a superar e sustituir á maza, que si quedou como predominante no territorio asturiano.
E dende o século XVI os documentos constatan un notable incremento da superficie adicada ao viñedo en toda Galicia, de resultas en última instancia á gran despoboación provocada pola peste.
Alfonso X e San Rosendo
No caso de Monterrei, o gran protagonista da historia da documentación sobre este territorio entre os anos 950 e 1450 é Rosendo Gutiérrez, abade de Celanova que pasaría á historia como San Rosendo e propietario e cedatario ao mosteiro de gran parte dos actuais terreos que ocupa a DO Monterrei. Tamén tivo importancia o papel dun monarca, Alfonso X o Sabio, que confirmou a colonización e poboación da acrópole do actual Monterrei para contrapoñer, precisamente, o seu poder ao dos monxes de Celanova.
A primeira mención documental medieval ao viñedo en Monterrei provén dunha donación á orde de San Rosendo dun matrimonio dunha viña nun lugar “qui dicitur olimbriga”, é dicir a actual Oimbra. Outra mención especial é na Carta Pobla de Verín, de 1183, onde ordenaba disposicións legais sobre o viñedo.
O ciclo “Do Viño 2019” está organizado polo Museo do Viño de Galicia, en colaboración coas cinco DD.OO. de Galicia, e desenvolverase durante os próximos dous meses en cada unha delas.
Fotos: Concello de Verín.