ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

A devastación da DANA, narrada por unha valdeorresa residente en Catarroja (Comunidade Valenciana)

Mabel Rodríguez, natural da Rúa, conta como está a vivir dende primeira liña esta catástrofe. “Máis que unha inundación, isto parece unha guerra”, resalta

 

Para Mabel Rodríguez Rojas é como se o tempo se detivera na mañá do 30 de outubro, logo dunha terrible noite en vela na súa casa, situada xusto fronte ao Barranco do Poyo, en Catarroja. “A miña vida é como O día da marmota. Levántome, vexo policía, bombeiros, sirenas, voluntarios, camións, lodo, limpeza, os veciños, os leggins, as botas e o carriño para ir por comida. Chega a noite e a localidade queda baleira, non hai luz en moitos puntos das rúas. Durmes, levántaste, e o mesmo, é todo igual, non cambia ese día, é como se me quedase atrapada nel. Dame a sensación de que perdín estes 10 días na miña vida, é complicado”, relata esta valdeorresa, natural da Rúa e que leva 25 anos vivindo na Comunidade Valenciana.

Atendía amablemente onte venres, a chamada do Periódico O SIL na cidade de Valencia, a onde se desprazaba por iniciativa propia a buscar colexio para a súa filla de 13 anos, cuxo centro, o Larrodé, quedaba destrozado tras a DANA. “Xestionar iso é moi complicado, pero tiven moita sorte, collérona no primeiro colexio ao que fun. Hai moitos nenos que están na casa”, comenta. O venres era o primeiro día no que desconectaba da terrible realidade da devastación que a DANA causaba en Catarroja. “Cheguei á cidade de Valencia e dixen isto é raro, véxome rara, ¿que fago en vaqueiros ou en zapatos? É como ver outro mundo, unha realidade paralela”, confesa.

A súa vida mudaba, de improviso, na tarde do 29 de outubro coa DANA. “Fomos primeira liña de desborde. Eu ás 18:05h.-18:10h. estaba vendo como desbordaba dende a miña terraza. Entón dende as seis ata as tantas da madrugada comprobaba como crecía e crecía, auga e auga e auga… e coches, coches, árbores, palmeiras… como ían os vehículos coas luces acesas polo barranco, pitando, xente berrando dentro dos coches, foi horroroso…”, comenta. E mentes vía isto pensaba desesperadamente no seu fillo, de 25 anos, ao que perdían de vista cando ía aparcar nun sitio seguro o seu vehículo. “Foi algo terrible, moi duro, grazas a Deus apareceu ao día seguinte pola mañá. Como nai, para min ese foi o peor día da miña vida, vivir a dor da desaparición do meu fillo durante máis de 18 horas foi espantoso. Contounos que logrou aparcar o vehículo nun lugar seguro, moi lonxe, e que pasou a noite nun polígono. Foi o mellor que puido facer xa que se tivese intentado volver, teríao levado a auga”, di tentando conter as bágoas.

 

https://youtube.com/shorts/wGxiMSyI-Lw?feature=share

 

Asegura que afortunamente na súa familia non sufriron danos persoais, pero recoñece que están moi afectados pola catástrofe “foron moitos días chorando sen parar, pasámolo moi mal”. No caso do seu edificio, a liña de auga superaba os 2 m no patio. “No garaxe tiñamos auga ata arriba da rampa, as tubaxes das nosas vivendas, que van polo teito do garaxe, están destrozadas, e nin un só coche se salvou, estiveron mergullados dende o 29 de outubro á noite ata o 7 de novembro”.

 

https://youtube.com/shorts/OzU9P99ZuCU?feature=share

 

Mabel trata de describir a magnitude da devastación coa que se atopaban ao saír de casa na mañá do 30 de outubro. “Máis que unha riada parece que houbo unha guerra. O primeiro día que sacamos a nena, porque salvouse o coche do meu fillo, e puidemos traela a Valencia, vías a centos e centos de persoas pola estrada, con maletas, carriños de bebé, con bebés, saíndo dalí… Eu choraba e dicía, parece que estamos nunha guerra, non nunha inundación”.

 

 

Incide en que “os danos son incalculables, é unha loucura, colexios enteiros, institutos enteiros, miles e miles de coches… Eu falo da localidade na que vivo, somos 31.000 habitantes. A zona afectada somos localidades moi próximas, que dunha a outra vas andando, que é unha liña recta, e agora ás veces non sabes se estás en Catarroja, en Massanassa, en Benetússer ou en Albalat, non o sabes… Unha cousa é contalo e outra é velo”.

No edificio no que vive Mabel, con 75 vivendas, seguen sen auga nin gas e o 7 de novembro terminaban de baleirar o seu garaxe, onde estaban todos os coches apilados uns sobre outros no fondo. Ademais os bombeiros sacaban dalí tartarugas arrastradas pola corrente.

 

 

“A luz recuperámola hai tres días. Somos a parte da localidade máis afectada, a peor, foi un desastre. Tivemos que contactar os propios veciños con Acciona, que nos enviou escavadoras, camións… e eles axudáronnos moitísimo. E, despois, os voluntarios, multitude de persoas con tractores, bombeiros voluntarios todos de fóra, nin un de Valencia na miña zona, veñen de Madrid, Huesca, Málaga, de León, Galicia, a Ertzaintza…”.

 

https://youtube.com/shorts/c_2h-4r-aSU?feature=share

 

Comenta tamén que na súa zona non houbo problemas de acceso a auga e alimentos. “Temos ao lado o Colexio Larrodé, onde os profesores do centro habilitaron un punto de recollida e de entrega de alimentos procedentes de toda España, dende Valdeorras tamén, o certo é que a xente estase portando moi ben. Entón, imos ao colexio e vimos co carriño, aínda que tes moitos obstáculos como lodo, restos de árbores… pero alomenos podes andar, xa non tes que saltar coches como ao principio, agora saltamos lama”, conta.

 

 

O que necesitan neste momento, destaca Mabel, “é maquinaria de limpeza, é dicir, máquinas a presión. Déronnos pas, rastrillos, cepillos grandes para beirarrúas, pero necesitamos levantar todo ese lodo, limpar todas esas portas, ventanais, patios… e estamos falando de patios moi moi grandes, de tres escaleiras o patio, as fincas aquí son enormes. Tamén se necesitan botas de todos os números, porque agora é imposible saír sen elas”. Gustaríalle que puidera chegar “alimento fresco, que sei que é moi difícil. Chega todo o que é lata, produtos de aseo persoal, auga, pastas, arroz, guantes, máscaras, cueiros, comida de bebés, roupa… Pero o que é carne, verdura ou froita, non”.

E ademais esta valdeorresa pide que, “por favor, nos deixen acceder aos que vivimos aquí en vehículos pedíndonos o DNI, porque é unha loucura ir e volver andando a Valencia. Comprendo que nas localidades é imposible aparcalos, pero podemos deixalos nas rotondas”.

Outra cuestión interrompida é a atención sanitaria, “o Centro de Saúde está pechado porque resultou moi afectado, as plantas baixas están destrozadas. Puxeron puntos sanitario en certas zonas da localidade”.

Séntese moi agradecida pola resposta solidaria e a axuda dos voluntarios. “Grazas aos voluntarios de toda España, xente que veu a limpar, que apareceu cos seus tractores, que cos seus 4×4 fixeron de grúas para sacar todos os coches afectados, xente que trae alimentos, bombeiros voluntarios, policías voluntarios… podo dicir que grazas a eles imos saír adiante, porque polo resto de organismos públicos estamos abandonados. Ti non podes saír na televisión e dicir vou facer isto isto e isto, e que pasen cinco días e veñas e nolo mandes a contagotas”, lamenta.

 

 

Destaca esa solariedade que se sente nas rúas. “Hai moita humanidade, xente moi boa, pero tamén existe unha pequeniña porcentaxe de persoas que se aproveitan do mal alleo. Hai veciños facendo gardas diante dos seus negocios para evitar saqueos, tamén se intentaron ocupar vivendas…”, lamenta.

Mabel Rodríguez considera que as administracións non estiveron á altura das circunstancias e que non están sendo transparentes, “as cousas que nos din non cadran co que sabemos, a maquillaxe é esaxerada por iso estamos indignados”. E pide que se lle “dea visibilidade as mortes que hai, que son moitas, porque hai moitas familias que o están pasando moi mal”.

 

 

Na tarde do venres 8 de novembro esta valdeorresa regresaba a Catarroja, “ao caos. Vivimos cousas moi duras, situacións que non queres ver, por iso psicoloxicamente estou estancada, non avanzo. Estame custando moito asimilar este cambio agora”, conclúe.

Fotos e vídeos cedidos.

 

Artigos relacionados

Back to top button