ConcellosO BarcoÚltima hora

A directiva do Casino do Barco renova por dous anos máis

 

En febreiro de 2020, xusto antes do inicio da pandemia, unha nova e ilusionada directiva poñíase á fronte do Casino do Barco de Valdeorras. Con Pablo Dobao como presidente, collían as rendas da sociedade coa captación de socios e a organización de polo menos unha actividade ao mes, como principais obxectivos, que a pesares da situación sanitaria lograban cumprir, con moi boa acollida por parte da poboación.

 

Directiva do Casino do Barco.

 

Dous anos despois, na tarde deste domingo 6 de marzo, o salón principal do Casino acollía a asemblea xeral na que se renovaba a xunta directiva por dous anos máis. “Somos os mesmos membros pero engadimos unha vicepresidenta e cambiamos o vicetesoureiro por un vogal e viceversa”, explica o presidente.

Na asemblea tamén se aprobaban as contas do ano anterior e o presuposto para este 2022, así como a modificación da cota de socios para viúvos e viúvas que baixa de 15 a 10 euros. “Todos os puntos foron aprobados por unanimidade dos asistentes e agora só nos queda seguir traballando outros dous anos máis, con ganas e coa idea de facer máis eventos culturais e empurrar á sociedade para que siga crecendo”, di Pablo, recoñecendo que cando empezaron non chegaban aos 130 socios e agora están rondando os 300, coa idea de seguir aumentando.

 

Pablo Dobao, presidente da Sociedade Casino do Barco.

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button