ConcellosÚltima hora

A DXT comeza mañá unha campaña especial de control e vixilancia do uso do cinto de seguridade e retención infantil

 

A Delegación do Goberno en Galicia informa de que a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) iniciará desde mañá, luns 11 de marzo, unha campaña especial de control e vixilancia sobre o uso do Cinto de Seguridade e Retención Infantil (SRI), que se estenderá ata o próximo domingo 17 de marzo. A Agrupación de Tráfico da Garda Civil, xunto coa policía municipal que se sumen á iniciativa, levarán a cabo estes controis.

O obxectivo desta campaña é “concienciar sobre a importancia do uso dos sistemas de retención homologados, cinto de seguridade e SRI. Segundo os últimos datos da DGT, en Galicia o 51% dos falecidos en turismo no 2023 non facían uso do cinto. Na provincia da Coruña elévase ao 57% esta porcentaxe”, aseguran dende a Delegación do Goberno en Galicia, alertando de que estes datos “son especialmente preocupantes xa que o seu uso reduce á metade o risco de falecemento en caso de accidente e nun 77% en caso de envorcar do vehículo. A capacidade de protección do cinto é igualmente efectiva respecto de todos os ocupantes, pasaxeiros que viaxen nos asentos dianteiros, e tamén nos asentos traseiros”.

A Campaña consistirá nun importante incremento dos controis coa utilización do máximo número de medios humanos e materiais dispoñibles. Así mesmo, sempre que sexa posible, tanto os paneis de sinalización variable como as pantallas alfanuméricas dos vehículos da Agrupación de Tráfico da Garda Civil advertirán aos condutores da existencia próxima de controis.

Artigos relacionados

Back to top button