DeportesÚltima hora

A edición máis solidaria do Épico Parteme-Pía Paxaro

Neste 2023 a ruta en BTT por terras quiroguesas incluía a parada no "Souto Épico", repoboado tralos incendios do ano pasado

 

Co obxectivo de desfrutar dunha xornada de bicicleta e montaña, nun ambiente familiar no que, por riba de todo, priman o compañeirismo e a amizade, nacía o Épico Parteme-Pía Paxaro. Unha fermosa ruta en bicicleta de montaña con saída en Quiroga para subir ata Parteme e coroar o Pía Páxaro, o monte máis alto da comarca a 1.640m.

 

 

Pasaron os anos, con epidemia de Covid incluída, pero os bikers non deixaron de asistir á cita que na edición deste 2023 tiña un carácter solidario. Así, na xornada do sábado 1 de xullo o grupo de amigos afeccionados á bicicleta e amantes da natureza, completaban o percorrido pasando por Vilar de Courel e Froxán para facerse a foto do “Souto Épico” plantado con fondos recadados por @epicopartemepiapaxaro e @oroso club ciclista, organizadores da quedada.

 

 

De feito, tal como explica Celes González, promotor da iniciativa, esta edición foi especial polo inauguración do devandito souto realizado coas donacións de socios e colaboradores do Oroso Club Ciclista que preside. “O ano pasado houbo uns incendios terribles por Froxán, Vilamor e Vilar e dende o club quixemos poñer o noso gran de area para a repoboación, plantando 350 árbores no mes de xaneiro”, di Celes.

 

 

Trala ruta e a foto de familia, os asistentes xantaban coma sempre no Foguete, en Pacios da Serra.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button